O CITIC achega a intelixencia artificial, a robótica, a tecnoloxía inclusiva e a saúde dixital ao público no 30º Día da Ciencia na Rúa
O CITIC da Universidade da Coruña participou o pasado 9 de maio de 2026 nunha nova edición do Día da Ciencia na Rúa, unha cita especialmente significativa ao celebrarse o seu 30º aniversario e estrearse, por primeira vez, nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Este novo emprazamento permitiu recuperar, simbolicamente, o espírito das orixes da iniciativa, que comezou hai tres décadas nesta céntrica zona da cidade, e facilitou o achegamento da ciencia ás persoas que paseaban polo centro durante a xornada.
Nesta edición instaláronse 54 xaimas distribuídas polo Paseo das Palmeiras, a contorna do palco da música e outras zonas dos xardíns, cunha programación ampla e diversa dirixida tanto ao público infantil como adulto. Neste contexto, o CITIC contou cun espazo propio na xaima 11, onde persoal investigador, alumnado e colaboradores presentaron distintas actividades interactivas vinculadas con algunhas das principais liñas de traballo do centro: intelixencia artificial, robótica, sustentabilidade, realidade virtual, astronomía, saúde dixital e tecnoloxías inclusivas.
A programación do CITIC comezou coa actividade “Robótica intelixente e cognitiva”, a cargo de Martín Naya, coa participación de Jaküb Muller. Tamén se presentou a proposta “IA contra o odio”, con Paloma Piot e Anxo Pérez.
Outra das actividades desenvolvidas foi “Algoritmos verdes”, coordinada por Laura Morán Fernández, coa participación de María Merelas Ares e Xosé Manuel García García, na que se achegou ao público a importancia da eficiencia e da sustentabilidade no ámbito tecnolóxico.
Durante a xornada tamén participaron Paloma Piot, Xabier Pérez e Irene Brage no espazo radiofónico de CUAC FM, contribuíndo á difusión das actividades do CITIC e da ciencia desenvolvida no centro.
A programación continuou coa actividade “O meu mapa das cancións que lembro”, presentada por Hilda Romero Velo, centrada na relación entre memoria, música e tecnoloxía. Así mesmo, Irene Brage participou xunto con alumnado do IES Ramón Menéndez Pidal – Zalaeta na presentación de retos do proxecto Talentos Inclusivos, quen mostrou solucións tecnolóxicas adaptadas como licornios, materiais con pictogramas, letras adaptadas con agarre e outros recursos orientados a favorecer a accesibilidade e a participación.
O público tamén puido gozar das propostas “Observación solar e recoñecemento de manchas solares con intelixencia artificial” e “Navegando pola galaxia co telescopio espacial Gaia e realidade virtual”, a cargo de Xabier Pérez Couto, coa participación de Clara Valle, Andrija Zupic, Ángel Regueiro Feal e Mateo Fernández Torreiro.
Pola tarde, Adriana Dapena presentou a actividade “Indución, circuítos e TIC para o desenvolvemento de proxectos”, xunto con Óscar Fresnedo, Paula Castro e Liz Gamez, achegando ao público experiencias prácticas vinculadas aos circuítos, á indución e ao desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos.
A xornada completouse coa actividade “Intelixencia artificial para mellorar a saúde da muller. Unha aplicación en incontinencia urinaria”, presentada por Javier Pereira, coa participación de Jorge Rivadulla, Freddy Pérez e Isabel Tuñas, na que se mostrou o potencial da intelixencia artificial aplicada ao ámbito da saúde da muller.
A participación do CITIC no 30º Día da Ciencia na Rúa reforza o seu compromiso coa divulgación científica, a transferencia de coñecemento e a promoción das vocacións STEM. Nunha edición marcada pola celebración de tres décadas de traxectoria e pola apertura da feira a un novo espazo urbano, o centro contribuíu a achegar a investigación tecnolóxica a públicos de todas as idades mediante experiencias prácticas, accesibles e participativas.