O CITIC achega a investigación do MIT á comunidade científica nun novo almorzo TIC Talk
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña celebrou este martes unha nova edición dos almorzos TIC Talk, unha sesión especial que contou coa participación de dous investigadores vinculados ao Massachusetts Institute of Technology (MIT): David Ranaudo e Kyran Siddiqui. A xornada, celebrada na Sala Cloud do CITIC, permitiu coñecer de primeira man investigacións de vangarda en intelixencia artificial aplicada ás finanzas e á ciberseguridade, así como reforzar os vínculos de colaboración internacional do centro.
David Ranaudo realizou un percorrido pola súa traxectoria académica e investigadora ata a súa incorporación ao MIT durante a súa intervención, titulada “Differential KANs with application in financial derivatives valuation”. O investigador explicou tamén os motivos que o levaron a elixir A Coruña e o CITIC para realizar unha estadía de investigación, destacando o prestixio e a experiencia dos grupos do centro en ámbitos como a computación científica, a aprendizaxe automática e as finanzas cuantitativas, así como as sinerxías existentes coas súas actuais liñas de traballo.
Na parte técnica da súa intervención presentou os resultados obtidos durante a súa estadía, centrados na combinación de dous enfoques emerxentes en intelixencia artificial: o Differential Machine Learning, que incorpora información sobre derivadas e sensibilidades durante o proceso de aprendizaxe, e as redes de Kolmogorov-Arnold, unha arquitectura neuronal de recente desenvolvemento con novas capacidades para a aproximación e interpretación de funcións complexas.
A investigación aplica estas metodoloxías á valoración de derivados financeiros, un campo no que a precisión dos modelos e a eficiencia computacional resultan esenciais. O estudo incluíu unha comparación entre as arquitecturas KAN e os modelos neuronais tradicionais, analizando ademais o efecto de incorporar información diferencial en ambos os casos. Os resultados amosaron o potencial destas técnicas para mellorar tanto a calidade das aproximacións como a estimación das sensibilidades financeiras, aspectos clave para a xestión do risco e a toma de decisións nos mercados.
Pola súa banda, Kyran Siddiqui presentou a charla “Evaluating Large Language Models for OS Fingerprinting”, na que compartiu o traballo desenvolvido durante a súa estadía no CITIC xunto ao grupo RNASA-IMEDIR, baixo a supervisión dos investigadores José Vázquez-Naya e Rubén Pérez.
A súa presentación abordou a aplicación da intelixencia artificial a problemas de ciberseguridade, concretamente o uso de modelos de linguaxe de gran escala para identificar dispositivos e os seus sistemas operativos a partir de información procedente do tráfico de rede. Siddiqui expuxo os experimentos realizados e as vantaxes desta aproximación, entre elas unha maior capacidade para explicar o proceso de identificación, o que permite comprender con maior precisión que información utiliza o modelo e como chega ás súas conclusións.