CITIC

O CITIC comparte a súa experiencia en IA aplicada á xestión de emerxencias na clausura do proxecto europeo ATEMPO

13/07/2026 - CITIC

O director do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, Manuel González Penedo, participou a pasada semana na xornada de clausura do proxecto europeo ATEMPO (Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias), celebrada en Porto, onde interveu nunha mesa redonda dedicada a analizar o papel da innovación e da cooperación transfronteiriza na xestión de emerxencias.

O encontro puxo o broche final a catro anos de traballo conxunto entre Galicia, Castela e León e o norte de Portugal para reforzar a prevención, a coordinación e a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia mediante protocolos comúns, formación especializada e o desenvolvemento de novas ferramentas tecnolóxicas.

Durante a mesa redonda, Manuel González Penedo abordou as posibilidades que ofrecen a intelixencia artificial e as tecnoloxías dixitais para mellorar a xestión de emerxencias, compartindo a experiencia da UDC e do CITIC no desenvolvemento de solucións innovadoras orientadas a facilitar a toma de decisións, optimizar a coordinación entre organismos e aumentar a capacidade de anticipación ante situacións de risco.

A xornada de clausura contou coa participación do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, quen destacou a cooperación transfronteiriza como un elemento clave para afrontar desafíos comúns como os incendios forestais, as inundacións ou os fenómenos meteorolóxicos extremos. Tamén asistiron representantes das entidades socias do proxecto e responsables institucionais de España e Portugal.

ATEMPO, liderado pola Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), contou cun investimento de 4,8 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia achegou 2 millóns, e foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

A Universidade da Coruña participou como unha das sete entidades socias do proxecto, contribuíndo ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas avanzadas para mellorar a interoperabilidade dos sistemas de protección civil e a resposta coordinada ante emerxencias. Entre os resultados acadados destacan ferramentas baseadas en intelixencia artificial, sistemas de apoio á decisión, mapas de isócronas e tecnoloxías de análise de datos orientadas a optimizar a actuación dos servizos de emerxencia.

As accións desenvolvidas no marco de ATEMPO benefician directamente a máis de 570.000 habitantes do territorio transfronteirizo entre Galicia, Castela e León e o norte de Portugal, consolidando un modelo de cooperación que poderá servir de referencia para futuras iniciativas europeas no ámbito da protección civil e da xestión de riscos.