O CITIC coordinará “Test Before Invest”, o principal paquete de traballo do proxecto europeo INFAB HUB para impulsar a dixitalización empresarial
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC participou recentemente na reunión de lanzamento (kick-off meeting) de INFAB HUB, o European Digital Innovation Hub (EDIH) industrial da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, celebrada na sede de Asime en Vigo.
O encontro marcou o inicio deste proxecto europeo, recoñecido como o único EDIH de Galicia e o primeiro de carácter transfronteirizo entre España e Portugal, co obxectivo de acelerar a transformación dixital do tecido industrial durante o período 2026-2029.
Durante a xornada, o CITIC destacou o seu papel estratéxico dentro do consorcio como responsable do Work Package 2 (Test Before Invest), considerado o eixe central do proxecto e que concentra o 50 % do orzamento global.
Este paquete de traballo permitirá acompañar ás pequenas e medianas empresas na redución dos riscos asociados aos seus procesos de transformación dixital antes de acometer investimentos de grande envergadura. Para iso, o CITIC coordinará e executará unha carteira de servizos técnicos orientados a facilitar a adopción de tecnoloxías avanzadas e a validación de solucións innovadoras en contornos reais.
Entre as principais actividades que liderará o centro atópanse a realización de diagnósticos de madurez dixital e o deseño de follas de ruta tecnolóxicas personalizadas, a vixilancia tecnolóxica sectorial, así como o apoio directo ás empresas na integración e hibridación de tecnoloxías avanzadas para o desenvolvemento de novos produtos e servizos.
Ademais, o CITIC porá a disposición do proxecto as súas infraestruturas científico-tecnolóxicas e equipamento avanzado para o desenvolvemento de probas de concepto, prototipos e proxectos piloto que permitan ás empresas validar solucións antes da súa implantación definitiva.
INFAB HUB reúne entidades empresariais, universidades e empresas tecnolóxicas de Galicia e do norte de Portugal co propósito de achegar ás pemes industriais tecnoloxías como a intelixencia artificial, a automatización, os xemelgos dixitais, a ciberseguridade ou o Internet das Cousas. O proxecto está dirixido especialmente a sectores estratéxicos como a automoción, a metalmecánica e o transporte, a aeronáutica e aeroespacial, o ámbito naval-mariño e o sector téxtil e da moda.
A nova etapa de INFAB HUB reforzará especialmente a incorporación da intelixencia artificial como elemento transversal en todos os seus servizos, facilitando ás empresas o acceso a coñecemento especializado, infraestruturas tecnolóxicas, financiamento e redes europeas de innovación.