CITIC

O CITIC da UDC achegou a ciencia e a tecnoloxía á cidadanía na G-Night 2026

28/09/2026 - CITIC

O CITIC da Universidade da Coruña participou o pasado venres, 25 de setembro, na sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), unha iniciativa europea de divulgación científica que transformou diferentes espazos da cidade en lugares de encontro entre a investigación e a sociedade. A Universidade da Coruña liderou unha programación con máis de corenta actividades gratuítas dirixidas a todos os públicos, entre as que se incluíron diversas propostas do CITIC. 

Pola mañá, o alumnado de 4º da ESO que cursa a materia de Tecnoloxía do IES Eusebio da Guarda (A Coruña) visitou as instalacións do centro. A visita guiada comezou na entrada do CITIC, onde o grupo foi recibido por un robot humanoide que o acompañou ata a sala demostrador. Neste espazo, o alumnado coñeceu de primeira man diversos proxectos de investigación que se están a desenvolver no centro. A continuación, o grupo coñeceu o proxecto Talentos Inclusivos, onde interviron as docentes Eugenia Medina e María Paz Freire, que explicaron as iniciativas desenvolvidas polo propio alumnado do IES. O percorrido continuou pola sala de robótica, onde o grupo puido coñecer diferentes aplicacións e desenvolvementos neste eido, e concluíu no Museo do Videoxogo do CITIC. 

Pola tarde, no espazo da Dársena da Mariña, desenvolvéronse máis dunha vintena de charlas e obradoiros divulgativos, entre os que participaron diversos investigadores e investigadoras do CITIC. David Otero Freijeiro e Paloma Piot presentaron a iniciativa IA contra o odio, na que se amosou como as tecnoloxías de intelixencia artificial poden contribuír á detección e á prevención dos discursos de odio en contornas dixitais. Pola súa banda, Fernando Mondragón Sampedro, Adriana Anido Alonso, Alejandro Mayorga Redondo e David Vázquez Lema presentaron varios xogos de mesa de carácter divulgativo baseados na computación cuántica e na medicina do sono. Tamén participou o proxecto XINE-IA, presentado por Jorge Ribadulla, Paula de Santos e Freddy Augusto Pérez, quenes achegaron ao público diferentes liñas de investigación sobre intelixencia artificial e as súas aplicacións no ámbito da medicina personalizada. 

Por outra banda, no Concello de Carballo desenvolvéronse diversas actividades no marco de Talento Quilómetro Cero (TALK0), o proxecto europeo promovido polo Concello de Carballo en colaboración coa Universidade da Coruña, a Academia Joven de España, Nauterra (Grupo Calvo) e Axober. Entre as actividades realizadas destacaron o obradoiro Circulaacción: conecta, experimenta e aforra!, no que participaron os investigadores Adriana Dapena, Óscar Fresnedo e Paula Castro, e a intervención de Verónica Bolón, coa charla IA verde: cara a un futuro sostible, na que se abordou a relación entre a intelixencia artificial e a sustentabilidade e se achegou ao público algúns dos retos asociados ao crecente uso destas tecnoloxías, así como as posibilidades que ofrece a investigación para avanzar cara a un desenvolvemento máis sostible. 

A participación do CITIC nesta nova edición da G-Night permitiu achegar diferentes eidos da investigación relacionados coa intelixencia artificial, robótica e computación ao público xeral, especialmente ás novas xeracións, favorecendo o contacto directo entre a comunidade científica e a sociedade.