O CITIC da UDC acolle a clausura de AddVenture, organizada polos Consellos Sociais da UDC e da USC
- Os Consellos Sociais da UDC e da USC clausuraron o pasado xoves 9 de xullo a cuarta edición do seu programa de emprendemento e innovación.
Os Consellos Sociais da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago de Compostela clausuraron o 9 de xullo, no CITIC da UDC, a cuarta edición de AddVenture, o programa universitario de emprendemento e innovación que desenvolven xunto con TeamLabs, de Mondragon Unibertsitatea.
A xornada final reuniu o alumnado participante, representantes institucionais, o equipo docente, mentores e un comité de profesionais expertos nunha sesión dedicada á presentación, avaliación e recoñecemento dos proxectos traballados durante os últimos meses.
A apertura contou coa participación de Jesús Spósito Prado, secretario do Consello Social da Universidade da Coruña; Marta Villamayor Álvarez, secretaria do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela; e María Piferrer, Lead Experience en TeamLabs.
Na súa intervención, Jesús Spósito Prado destacou que a universidade do século XXI non pode limitarse a transmitir coñecemento, senón que debe contribuír a transformalo en valor para a sociedade, e subliñou o papel do emprendemento como unha vía para activar talento, xerar oportunidades e conectar universidade, empresa e institucións. Tamén puxo en valor o percorrido realizado polo alumnado durante o programa e a importancia de aprender a contrastar, ordenar e defender unha idea para convertela nun proxecto con maior solidez.
Pola súa banda, Marta Villamayor Álvarez trasladou a satisfacción do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela por acompañar, por segundo ano, unha nova edición de AddVenture. Na súa intervención, incidiu no valor do programa como espazo práctico de acompañamento, formación, mentoría e contacto con profesionais, e defendeu a colaboración entre universidades como unha ferramenta clave para que o talento universitario poida avanzar sen fronteiras administrativas.
A xornada celebrouse no CITIC, centro que acolleu tamén un dos primeiros fitos desta edición coa sesión de captación do programa.
Un programa para conectar universidade, talento e sociedade
Durante a xornada presentáronse trece proxectos vinculados a ámbitos diversos como a saúde, a sustentabilidade, a tecnoloxía, a intelixencia artificial, o turismo, a cultura, as finanzas, os servizos profesionais e os novos modelos de negocio. Esta diversidade reflicte o potencial do emprendemento universitario como vía para transformar coñecemento, experiencia e iniciativa en propostas orientadas a dar resposta a necesidades reais.
O comité de expertos estivo integrado por Paulo González, analista de investimentos de Unirisco Galicia SCR; Gonzalo González Pérez, experto en economía e finanzas; María José Arrojo Baliña, xornalista, profesora da UDC e directora da Escola de Medios de La Voz de Galicia; e María Piferrer, Lead Experience en TeamLabs e experta en innovación e emprendemento.
A xornada incluíu tamén a conferencia «Biotecnoloxía invisible para unha industria alimentaria máis eficiente, o caso de Enzicas», impartida por Víctor Lama, CEO de Enzicas, facilitador e mentor de AddVenture. A súa intervención permitiu achegar ao alumnado un exemplo real de transferencia, innovación e emprendemento aplicado á industria alimentaria.
Recoñecemento aos proxectos destacados
A clausura finalizou coa entrega de diplomas ao alumnado participante e co recoñecemento aos proxectos máis destacados desta cuarta edición.
- O premio FINANTIA, á solidez financeira, foi para YouTube Habit, de Marcos Romero.
- O premio PROYECTA, ao mellor pitch, foi para EnnergIA, de Júlia Nunes.
- O premio VANGUARDIA, á innovación, foi para Planea, de Diego Mata Pose.
- O premio READY, á iniciativa máis preparada para o mercado, foi para Galicia For You, de Felipe Malvárez.
Con esta cuarta edición, AddVenture consolida un modelo de colaboración entre os Consellos Sociais da UDC e da USC orientado a acompañar o talento emprendedor universitario e a xerar espazos de aprendizaxe, contraste e conexión coa contorna profesional.