O CITIC da UDC acolleu o III Seminario Interuniversitario RIPROFID coa formación docente universitaria como protagonista
- Baixo o lema “Servizos universitarios de formación docente ante o novo escenario estratéxico”, o encontro reuniu no CITIC a responsables de programas e servizos de formación, innovación e investigación docente de 37 universidades
A Coruña, 3 de xullo de 2026.- A Universidade da Coruña acolleu os días 2 e 3 de xullo o III Seminario Interuniversitario RIPROFID 2026, un encontro que reuniu no CITIC a representantes de programas de formación, innovación, avaliación e investigación docente dun total de 37 universidades.
Baixo o lema “Servizos universitarios de formación docente ante o novo escenario estratéxico”, o seminario converteuse nun espazo de reflexión e traballo colaborativo arredor dos principais retos da formación e do desenvolvemento profesional do profesorado universitario, co obxectivo de avanzar desde un modelo compartido cara a propostas concretas que orienten o labor das universidades nos próximos anos.
A apertura institucional contou coa participación de Ana Ares Pernas, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC; José Antonio García Naya, director do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE); e Rafael Porlán Ariza, membro do equipo de coordinación da rede RIPROFID.
Durante a primeira xornada, as sesións centráronse na transición do modelo á implementación práctica. Os diferentes debates e análises permitiron avanzar na elaboración dun Documento de Mínimos Comúns RIPROFID 2026, concibido como un marco de referencia para que as universidades poidan deseñar, revisar ou fortalecer os seus programas de formación docente a partir de criterios compartidos e adaptables ás distintas realidades institucionais.
A continuación, as persoas asistentes traballaron en grupos arredor de catro ámbitos prioritarios: a formación inicial do profesorado axudante doutor; o perfil e acreditación das persoas formadoras de PDI; a medición do impacto real da formación e da innovación docente; e a integración institucional da formación, a innovación e a avaliación docente.
Entre as propostas formuladas destaca o avance cara a un deseño común de formación docente inicial transferible tamén á formación permanente, a posibilidade de impulsar unha microcredencial RIPROFID para persoas formadoras, mentoras ou dinamizadoras, a necesidade de desenvolver ferramentas para avaliar o impacto da formación máis aló dos cuestionarios de satisfacción e a creación de sistemas institucionais que integren formación, innovación, avaliación, calidade e recoñecemento docente.
Unha rede colaborativa de 37 universidades
A segunda xornada estivo centrada no papel da rede como infraestrutura colaborativa para a mellora da docencia universitaria. As sesións abordaron cuestións relacionadas coa coordinación e sustentabilidade de RIPROFID.
No marco deste encontro presentouse tamén unha nova liña editorial de cadernos prácticos RIPROFID, centrados especialmente en contidos, metodoloxías e avaliación docente.
A sesión de clausura permitiu presentar unha síntese dos principais debates e avanzar na definición da Folla de Ruta RIPROFID 2026-2028, que incluirá calendario de traballo, responsabilidades, produtos prioritarios e novas liñas de colaboración entre universidades. Entre os retos identificados figuran a formalización dos grupos de traballo, a definición do modelo organizativo da rede, a consolidación dunha estratexia común de comunicación e a preparación do IV Seminario Interuniversitario RIPROFID, previsto para 2027.
Coa celebración deste encontro, a Universidade da Coruña reafirma o seu compromiso coa mellora da calidade da docencia universitaria e co impulso de espazos de cooperación interuniversitaria orientados a xerar coñecemento, compartir experiencias e desenvolver propostas útiles para o fortalecemento da formación docente do profesorado universitario.
Sobre RIPROFID
A Rede Interuniversitaria de Programas de Formación, Innovación e Investigación Docente (RIPROFID) está integrada actualmente por 37 universidades e xurdiu como un espazo de cooperación para promover modelos de formación docente baseados na práctica reflexiva, a innovación, a investigación educativa e a mellora da aprendizaxe do estudantado.