O CITIC da UDC avanza na fase final do proxecto europeo PILLAR-Robots cunha reunión estratéxica do consorcio en Barcelona
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da UDC participou o pasado mes de xuño na sexta reunión anual do proxecto europeo PILLAR-Robots, celebrada na sede de PAL Robotics, en Barcelona. Este encontro constitúe a última reunión anual do consorcio antes da finalización do proxecto, prevista para o último trimestre de 2026, no marco do programa Horizon Europe.
Como entidade coordinadora do proxecto, a Universidade da Coruña desempeña un papel fundamental na dirección das actividades técnicas e estratéxicas que marcarán a recta final de PILLAR-Robots. Neste contexto, o persoal investigador adscrito ao CITIC do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) participou activamente nas sesións de traballo xunto co resto de socios europeos.
Baixo a coordinación do investigador Richard Duro, o consorcio revisou os avances acadados nos distintos paquetes de traballo e definiu as accións necesarias para completar os obxectivos do proxecto. Durante as sesións técnicas, José Antonio Becerra Permuy presentou os últimos progresos do paquete de traballo WP5, centrado na integración da arquitectura cognitiva, mentres que Francisco Bellas expuxo o estado actual e as próximas liñas de desenvolvemento do caso de uso WP8, orientado a contornas sociais.
A representación do CITIC completouse coa participación dos investigadores Alejandro Romero, Emanuel Fallas, Fabián Álvarez e Jakub Müller, que contribúen activamente ao desenvolvemento das distintas liñas de investigación do proxecto.
Así mesmo, os socios do consorcio compartiron os avances acadados nos casos de uso vinculados aos ámbitos agroalimentario e industrial, así como en aspectos relacionados co impacto socioeconómico, a ética, a regulación e o asesoramento ético da iniciativa.
A reunión concluíu con diferentes obradoiros de integración e demostracións dos desenvolvementos tecnolóxicos realizados ata o de agora. Nesta fase final do proxecto, o equipo do GII liderará o traballo na aplicación de edutainment, ademais de contribuír ás tarefas de integración e validación que permitirán demostrar os resultados obtidos nesta iniciativa europea.
Máis información sobre o proxecto PILLAR-Robots en https://pillar-robots.eu/.