CITIC

O CITIC da UDC impulsa a cooperación internacional en investigación e innovación coa Semana de Iniciativas e Proxectos Internacionais

26/01/2026 - CITIC
  • A II Week of Initiatives and International Projects (WIIPRO), que ten lugar entre o 26 e o 30 de xaneiro, contará coa contribución de Universidades, centros de investigación e empresas tecnolóxicas promotoras de colaboracións internacionais.

A Coruña, 26 de xaneiro de 2026.- O CITIC da Universidade da Coruña, centro que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, acolle desde hoxe, luns 26 e ata o venres, a segunda edición da WIIPRO – Week of Initiatives and International Projects, consolidando este encontro como un espazo chave para a creación de sinerxías internacionais no ámbito da investigación e a innovación.

Ao longo da semana, o centro recibirá a representantes de entidades internacionais de prestixio como AffectLog (Francia), LINKS Foundation (Italia), CITC Eurarfid (Francia), Mondragon Unibertsitatea, CCG/ZGDV Institute e GECAD – Polytechnic of Porto, que participan xunto a persoal investigador e colaboradores do CITIC en distintas actividades de traballo e networking, e no programa contarase con espazo para coñecer en maior profundidade proxectos singulares financiados con fondos europeos, entre os que destacan 3i-ICT (Marie Curie pre-doc coordinado polo CITIC) e FLOTALIA (Optimización Intelixente de Frotas, con Alia Technologies e IDIMPA, en colaboración co investigador do CITIC Salvador Naya Fernández).

A WIIPRO Week ten como obxectivo principal sentar as bases de futuras colaboracións e proxectos internacionais, favorecendo o intercambio de coñecemento e a identificación de liñas estratéxicas comúns. As reunións e dinámicas desenvolvidas durante a semana permitirán avanzar na preparación de propostas conxuntas nos próximos meses.

Con iniciativas como a WIIPRO Week, o CITIC reafirma o seu compromiso coa internacionalización da investigación e o fortalecemento da súa rede de cooperación europea e internacional.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade. 

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).