O CITIC da UDC leva a tecnoloxía creativa ao Hospital de Día de Psiquiatría de Ferrol
As investigadoras do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña Laura Nieto Riveiro, Paula de Santos Dorrego, Patricia Concheiro Moscoso e Betania Groba González participaron durante o mes de setembro nunha experiencia de colaboración co servizo de Terapia Ocupacional do Hospital de Día de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).
A iniciativa combina investigación, tecnoloxía creativa e participación social co obxectivo de explorar o potencial das ferramentas de programación e creación dixital no eido da saúde mental. A experiencia desenvolveuse durante dous días á semana e centrouse no traballo colaborativo das persoas participantes mediante as plataformas Makey Makey e Scratch.
Makey Makey permite conectar elementos físicos con dispositivos dixitais e utilizalos como interfaces de interacción, mentres que Scratch facilita unha aproximación á programación mediante unha contorna visual e accesible. A partir destas ferramentas, as persoas participantes organizáronse en grupos para pensar e desenvolver os seus propios proxectos creativos, dende a concepción inicial ata a programación e posta en funcionamento. Entre as propostas traballadas atopáronse obxectos interactivos como un piano ou un tambor.
Un dos aspectos centrais da experiencia é precisamente o carácter cooperativo dos talleres. O obxectivo non se limita á aprendizaxe ou ao resultado tecnolóxico, senón que busca que cada persoa poida contribuír ao proxecto dende as súas propias capacidades, achegando solucións en diferentes fases do proceso. Deste xeito, a creación colectiva convértese tamén nunha oportunidade para favorecer a interacción e o establecemento de novas conexións entre as persoas que participan da mesma.
A colaboración ten ademais unha clara dimensión investigadora. O traballo busca analizar se ferramentas habitualmente empregadas no ámbito educativo poden trasladarse ao contexto da saúde mental, estudando as súas posibilidades e potencial coa fin de favorecer a participación, afrontar retos de xeito compartido e xerar novas formas de relación.
A actividade intégrase nunha proposta máis ampla de Terapia Ocupacional desenvolvida polo Hospital de Día durante o mes de setembro. Xunto cos obradoiro de tecnoloxía creativa, o equipo asistencial levou tamén á comunidade o obradoiro “Hábitos e rutinas para o sono, ocuparnos do descanso é ocuparnos da saúde”, celebrado no centro cívico de Canido e orientado a reflexionar sobre as rutinas cotiás e a súa relación co descanso. Esta actividade terá continuidade o último venres de outubro.
Esta iniciativa permite así conectar o traballo desenvolvido dende o CITIC da UDC coa práctica asistencial do Hospital de Día de Psiquiatría do CHUF, achegando a investigación tecnolóxica a un contexto real e explorando novas aplicacións das tecnoloxías dixitais dende unha perspectiva inclusiva e centrada nas persoas.