CITIC

O CITIC da UDC participa na clausura do primeiro Sandbox europeo de Intelixencia Artificial co proxecto galego para a mellora da xestión de emerxencias

15/06/2026 - CITIC
  • Eduardo Mosqueira, subdirector do centro TIC, asistiu ao acto de peche celebrado en Madrid, en representación da Fundación CITIC, entidade participante no desenvolvemento da iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña participou o xoves 11 de xuño en Madrid no acto de clausura do primeiro Sandbox europeo de Intelixencia Artificial, unha contorna de probas pioneira impulsada polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública para facilitar a adaptación de sistemas de IA de alto risco ás esixencias do Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial.

En representación da Fundación CITIC asistiu Eduardo Mosqueira, subdirector do centro, nunha xornada na que se presentaron os resultados das doce iniciativas seleccionadas para formar parte deste programa piloto europeo.

Entre os proxectos participantes atópase a solución promovida pola Xunta de Galicia para a automatización e mellora da transcrición de chamadas de emerxencia mediante tecnoloxías avanzadas de recoñecemento automático da fala. A Fundación CITIC participa nesta iniciativa achegando a súa experiencia en investigación e innovación en intelixencia artificial e análise de datos.

Durante o acto de clausura, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, destacou o valor da participación galega nesta contorna de probas, que permitiu “traballar de maneira práctica sobre os requisitos do Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial e comprender como aplicar eses requisitos reguladores nun sistema real de alto risco”.

A solución presentada pola Xunta permite transcribir chamadas en tempo real ou case real, almacenar as conversacións en formato estruturado e facilitar posteriormente tarefas de busca, análise e investigación relacionadas con incidencias de emerxencia. Ademais, abre a porta ao desenvolvemento de novas funcionalidades baseadas en analítica avanzada, detección de patróns ou apoio á priorización de chamadas.

A iniciativa galega foi a única das doce seleccionadas impulsada por unha administración pública e encádrase no ámbito dos servizos esenciais, un dos sectores considerados de alto risco pola normativa europea debido ao seu posible impacto nos dereitos fundamentais da cidadanía.

A participación neste Sandbox europeo permitiu á Fundación CITIC e ao resto das entidades implicadas validar metodoloxías, procesos e mecanismos de gobernanza para o desenvolvemento responsable de sistemas de intelixencia artificial, reforzando así o compromiso de Galicia cunha IA fiable, ética e aliñada cos estándares reguladores europeos.

O proxecto no que participa a Fundación foi seleccionado en 2025 para formar parte do primeiro Sandbox europeo de Intelixencia Artificial, unha iniciativa destinada a acompañar organizacións públicas e privadas na aplicación práctica das obrigas establecidas polo AI Act. A través desta contorna controlada, os participantes puideron avaliar os seus sistemas de IA en condicións reais, recibindo orientación técnica e reguladora para garantir a súa adecuación ao novo marco normativo europeo.