CITIC

O CITIC da UDC participa nun proxecto europeo de IA para a detección precoz da sepsia

02/06/2026 - CITIC
  • A sepsia é unha complicación grave de infeccións causadas por microorganismos (como bacterias, virus ou fungos) que pode progresar rapidamente e poñer en risco a vida do paciente, polo que o diagnóstico temperán é clave.
  • Noelia Sánchez Maroño, do CITIC da UDC, é investigadora do proxecto europeo THUNDER, no que lidera un dos paquetes de traballo centrado no desenvolvemento de intelixencia artificial segura, fiable e equitativa aplicada ao ámbito sanitario.

A Coruña, 2 de junio de 2026.- Noelia Sánchez Maroño, investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, participa como investigadora no proxecto europeo THUNDER, unha iniciativa financiada no marco das accións Marie Skłodowska-Curie Staff Exchange que ten como obxectivo avanzar no desenvolvemento de intelixencia artificial segura, fiable e equitativa aplicada ao ámbito sanitario, con especial atención á mellora da detección temperá da sepsia.

A sepsia é unha resposta extrema do organismo ante unha infección que pode derivar en fallo multiorgánico e falecemento. Debido á súa elevada mortalidade e á importancia crítica do diagnóstico precoz, constitúe unha das principais prioridades sanitarias a nivel mundial.

Neste contexto, THUNDER aborda algúns dos principais retos do uso da intelixencia artificial na saúde, como a escaseza de datos clínicos de calidade, as restricións relacionadas coa privacidade dos pacientes, a presenza de nesgos nos modelos e a limitada interpretabilidade destes. Para iso, propón un enfoque colaborativo, internacional e intersectorial que integra coñecemento científico, tecnolóxico e sanitario.

Un dos obxectivos centrais do proxecto é desenvolver metodoloxías para a xeración e avaliación de datos sintéticos fiables, así como modelos de intelixencia artificial capaces de integrar de maneira responsable datos reais e simulados, co fin de mellorar o apoio á toma de decisións clínicas en escenarios complexos como a xestión de pacientes con sepsia.

O proxecto, que se desenvolverá entre 2026 e 2029, conta coa participación de 16 entidades, principalmente europeas, incluíndo universidades, centros de investigación, hospitais e empresas. Está coordinado pola Universidade de Lille e atópase en proceso de ampliación mediante a incorporación de novos socios internacionais, como Canadá e Vietnam, para reforzar o seu impacto global no ámbito da intelixencia artificial aplicada á saúde.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas principais de investigación: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).