CITIC

O CITIC da UDC reúne a investigadores internacionais para explorar novas formas de estudar o Sol

17/08/2026 - CITIC
  • O Congreso Solar MHD 2026 reuniu durante cinco xornadas no Centro TIC a investigadores de Europa, Estados Unidos e Asia, nunha edición marcada pola coincidencia coa eclipse solar total do 12 de agosto.

A Coruña, 17 de agosto de 2026.- O Congreso Internacional Solar MHD 2026 reuniu na Coruña a investigadores de referencia internacional especializados en física solar, magnetohidrodinámica e simulación da atmosfera do Sol. O encontro, celebrado do 10 ao 14 de agosto no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, centro da Rede CIGUS, congregou durante cinco xornadas a especialistas procedentes de Europa, Estados Unidos e Asia.

A apertura do congreso contou coa participación de Eduardo Mosqueira, subdirector do CITIC; e os membros do comité organizador local, Elena Khomenko (IAC), Malcom Druett e Suzana S.A. Silva, ambos da Universidade de Sheffield (UK). A celebración desta terceira edición coincidiu ademais cunha circunstancia excepcional: a eclipse solar total do 12 de agosto, que permitiu poñer o foco na observación e o estudo da coroa solar.

O programa científico de Solar MHD 2026 combinou relatorios, sesións de discusión e actividades prácticas e abordou diferentes aspectos relacionados coa magnetohidrodinámica solar, desde as observacións e a análise do magnetismo do Sol ata as simulacións numéricas e os novos métodos computacionais aplicados á investigación solar.

Unha semana excepcional para estudar o Sol

O congreso abordou algúns dos principais retos actuais da física solar, desde o estudo da coroa durante as eclipses ata a análise do magnetismo e a dinámica do Sol mediante simulacións avanzadas e intelixencia artificial. Estas liñas de investigación centraron as intervencións de varios expertos internacionais convidados ao encontro.

Entre as conferenciantes convidadas estivo Reetika Joshi, investigadora da Universidade de Oslo e do NASA Goddard Space Center, quen presentou o descubrimento dunha nova estrutura na cromosfera solar, identificada mediante observacións de alta resolución de varias misións e instrumentos. O estudo axudou a comprender como a interacción dos campos magnéticos e os movementos na superficie do Sol pode desencadear fenómenos enerxéticos como bucles en erupción e chorros solares.

O mércores, coincidindo coa eclipse solar total, o equipo investigador trasladouse á praia de Cabanas para observar o fenómeno. Elena Khomenko destaca que “as condicións foron excepcionais durante a observación da eclipse. Durante a fase de totalidade, a calidade do ceo permitiu observar a coroa solar con gran detalle e obter imaxes que poderán compararse con varios dos modelos de predición presentados durante o Congreso. Os participantes da reunión quedaron moi satisfeitos coa elección do lugar de observación realizada polo comité organizador”.

Durante a xornada do xoves, o conferenciante invitado John Linker presentou un modelo avanzado para predicir a estrutura da coroa solar durante a eclipse total do 12 de agosto de 2026. A investigación combinou observacións de distintos instrumentos espaciais con simulacións magnetohidrodinámicas actualizadas continuamente, co obxectivo de mellorar a precisión das predicións sobre a evolución da coroa e o vento solar.

O encontro científico pechouse o venres 14 coa conferencia de Aristeidis Voulgaris, investigador de referencia internacional especializado no estudo das eclipses solares, quen ofreceu a charla “Estudar as eclipses solares ao longo de dous milenios: desde as predicións de eclipses do Mecanismo de Anticitera ata a análise espectroscópica moderna da coroa solar durante a totalidade”.

Segundo destaca Elena Khomenko, o Congreso permitiu extraer diversas conclusións sobre o estado actual do campo da Física Solar. En particular, presentáronse modelos avanzados sobre a formación e evolución das protuberancias solares, a súa capacidade eruptiva, as fulguracións e a dinámica das execcións de masa coroal. Grazas aos avances computacionais e ao desenvolvemento de técnicas de simulación numérica, varios destes modelos incorporan xa procesos físicos de gran complexidade, como a interacción do plasma coa radiación opticamente grosa, á vez que relaxan as condicións habituais de equilibrio térmico. Este tipo de modelos sitúase á vangarda da investigación no campo e resulta de vital importancia para o estudo dos fenómenos eruptivos e para avanzar na predición do tempo espacial. Así mesmo, destacouse o importante progreso das técnicas observacionais, especialmente pola súa contribución á predición da estrutura e a forma da coroa solar durante as eclipses.

Un foro internacional para compartir coñecemento

Solar MHD 2026 reuniu a investigadores consolidados xunto a estudantes de doutoramento e científicos que se atopan nas primeiras etapas das súas carreiras, favorecendo o intercambio de coñecementos e a creación de novas redes de colaboración.

A conferencia deu continuidade aos encontros Solar MHD celebrados en Reino Unido en 2022 e Tenerife en 2024. A iniciativa ten as súas raíces nas reunións Reino Unido-Ucraína-España sobre Física Solar e Ciencia Espacial, que durante anos reuniron a especialistas internacionais en Ucraína e cuxa continuidade se viu interrompida pola invasión rusa.

A organización científica e local do encontro contou con investigadores vinculados ao Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), a Universidade da Coruña, a Universidad de la Laguna (ULL) e outras institucións internacionais, consolidando o carácter interdisciplinario e global da conferencia.

Sobre o CITIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) é un centro de investigación da Universidade da Coruña creado en 2008 para impulsar o avance e a excelencia na I+D+i aplicada ás tecnoloxías da información e as comunicacións.

A súa actividade científica estrutúrase en catro grandes áreas de investigación: Intelixencia artificial, Ciencia e Enxeñería de Datos, Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha liña transversal dedicada á Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e forma parte da Rede CIGUS para o período 2024-2027, un recoñecemento que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do centro está cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea, a través do Programa FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo de promover unha Europa máis intelixente mediante unha transformación económica innovadora e intelixente (ED431G 2023/01).