O CITIC da UDC reúne expertos internacionais para mellorar a análise estatística e obter información fiable cando os datos dispoñibles son limitados
- O VI Workshop SISAE, organizado polo grupo MODES da Universidade da Coruña, abordou novos métodos aplicables a ámbitos como a saúde, a economía e a análise territorial.
A Coruña, 10 de setembro de 2026. O Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña acolleu este mércores o VI Workshop SISAE, un encontro científico que reuniu investigadores nacionais e internacionais para compartir avances no desenvolvemento de métodos estatísticos capaces de proporcionar información precisa cando os datos dispoñibles son limitados.
Organizado polo grupo MODES do CITIC e baixo a coordinación da investigadora María José Lombardía, o encontro contou coa participación de dous investigadores de recoñecido prestixio internacional, Jiming Jiang, da University of California, Davis, e Thuan Nguyen, da Oregon Health and Science University, ambas institucións estadounidenses. O programa completouse coas intervencións das investigadoras do grupo MODES María Bugallo Porto e Naomi Diz Rosales.
A investigación na que se centra este encontro busca dar resposta a unha cuestión cada vez máis relevante: como obter información estatística fiable sobre territorios, grupos ou colectivos concretos cando non se dispón de datos suficientes para analizalos directamente. Para iso, os investigadores desenvolven métodos que permiten aproveitar conxuntamente distintas fontes de información e ter en conta as diferenzas existentes entre unhas áreas e outras.
Estas técnicas poden resultar de utilidade en ámbitos moi diversos. Entre eles atópanse a saúde pública, para analizar indicadores en determinadas zonas ou grupos de poboación; a economía, para coñecer a evolución da renda en distintos territorios; ou a análise territorial, onde pode ser necesario dispoñer de información detallada sobre áreas para as que as enquisas non proporcionan unha mostra suficientemente ampla.
Novas formas de analizar as diferenzas entre territorios e a súa evolución
Durante o workshop, Jiming Jiang presentou unha nova aproximación para estudar como poden variar determinados efectos entre diferentes grupos ou territorios. O seu traballo aborda a denominada inferencia causal en áreas pequenas, co obxectivo de mellorar a capacidade dos métodos estatísticos para identificar e estimar estes efectos cando a información dispoñible para cada área é reducida.
Pola súa banda, Thuan Nguyen expuxo unha proposta para analizar fenómenos que non se manteñen constantes, senón que evolucionan ao longo do tempo. Este enfoque pode aplicarse, por exemplo, ao estudo das taxas de cancro segundo a idade ou á análise de indicadores económicos ao longo de distintos períodos. A súa investigación amplía métodos estatísticos utilizados habitualmente para traballar con áreas pequenas á análise deste tipo de información dinámica.
O programa incluíu tamén dúas investigacións desenvolvidas desde o propio CITIC e o grupo MODES. María Bugallo Porto abordou novos métodos para mellorar as predicións cando o tamaño dos grupos analizados é reducido, combinando diferentes ferramentas estatísticas para aumentar a flexibilidade e a robustez dos resultados.
Naomi Diz Rosales, pola súa banda, presentou unha investigación baseada na idea de que unha mesma relación entre distintas variables non ten por que ser válida do mesmo xeito en todos os territorios. A súa proposta permite recoller estas diferenzas e aplicouse a dous casos concretos: a predición a curto prazo da ocupación das unidades de coidados intensivos por COVID-19 nas áreas sanitarias de Castela e León e a estimación da renda dispoñible en función da provincia, o sexo, o grupo de idade e o ano.
Sobre o CITIC
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) é un centro de investigación da Universidade da Coruña creado en 2008 para impulsar o avance e a excelencia na I+D+i aplicada ás tecnoloxías da información e as comunicacións.
A súa actividade científica estrutúrase en catro grandes áreas de investigación: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha liña transversal dedicada á Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e forma parte da Rede CIGUS para o período 2024-2027, un recoñecemento que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do centro está cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea, a través do Programa FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo de promover unha Europa máis intelixente mediante unha transformación económica innovadora e intelixente (ED431G 2023/01).





