O CITIC da UDC reunirá na Coruña a expertos internacionais para avanzar no estudo do Sol durante a semana da eclipse
- O Congreso Solar MHD 2026 congregará entre o 10 e o 14 de agosto a investigadores de referencia de Europa, Estados Unidos e Asia para abordar os últimos avances na física solar e as simulacións da atmosfera do Sol
A Coruña, 05 de agosto de 2026.- O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña será o anfitrión da terceira edición do Congreso Internacional Solar MHD (Solar Magnetohydrodynamics), un encontro científico de referencia que reunirá na Coruña a persoal investigador de todo o mundo durante a semana da eclipse solar total do 12 de agosto de 2026, un fenómeno astronómico excepcional que converterá a España nun dos principais escenarios internacionais para a observación do Sol.
O congreso, dirixido localmente por Manuel González Penedo, director do CITIC, dará continuidade a unha iniciativa internacional que comezou en Reino Unido en 2022 e celebrou a súa segunda edición en Tenerife en 2024. Á súa vez, esta serie de encontros ten a súa orixe nas reunións Reino Unido-Ucraína-España sobre Física Solar e Ciencia Espacial, que durante anos reuniron a especialistas internacionais en Ucraína, unha tradición que se viu interrompida pola invasión rusa.
Con esta terceira edición, a comunidade científica mantén vivo un foro de colaboración internacional imprescindible para impulsar o coñecemento sobre a física solar e fortalecer as redes de investigación entre grupos de distintos países.
Comprender mellor o funcionamento do Sol
O principal obxectivo do congreso é favorecer o intercambio de coñecementos entre investigadores que estudan a atmosfera solar mediante simulacións magnetohidrodinámicas e observacións de alta precisión. A magnetohidrodinámica é a disciplina que analiza o comportamento dos plasmas —o estado no que se atopa a materia que compón o Sol— baixo a influencia dos campos magnéticos, unha ferramenta esencial para comprender fenómenos como as erupcións solares, a formación da coroa ou o vento solar.
Durante varias xornadas, especialistas internacionais debaterán sobre algúns dos retos científicos máis relevantes deste campo, como a conexión entre as observacións realizadas durante as eclipses e as simulacións numéricas, o emprego de intelixencia artificial e técnicas de machine learning para analizar grandes volumes de datos, o estudo de ondas, turbulencias e reconexión magnética, os modelos avanzados de plasmas e as novas xeracións de simulacións MHD aplicadas tanto ao Sol como a outras estrelas.
A conferencia tamén abordará as técnicas máis innovadoras para medir o magnetismo solar e dedicará sesións prácticas á utilización de ferramentas computacionais e códigos numéricos de última xeración, favorecendo a colaboración entre grupos de investigación e o desenvolvemento de futuros proxectos internacionais.
A eclipse solar, unha oportunidade científica única
A celebración do congreso coincidirá coa semana da eclipse solar total do 12 de agosto de 2026, unha circunstancia que converte esta edición en especialmente relevante. As eclipses constitúen unha oportunidade excepcional para observar a coroa solar, a capa máis externa da atmosfera do Sol, cuxa estrutura e dinámica continúan sendo obxecto de intensas investigacións.
A coincidencia entre este fenómeno astronómico e a reunión científica permitirá reforzar a relación entre as observacións obtidas durante a eclipse e as simulacións numéricas máis avanzadas, contribuíndo a mellorar os modelos tridimensionais que explican o comportamento da atmosfera solar.
Unha cita con vocación internacional
Solar MHD 2026 contará coa participación de estudantes de doutoramento, persoal investigador nas primeiras etapas da súa carreira e científicos de recoñecido prestixio internacional procedentes de universidades e centros de investigación de Europa, Estados Unidos e Asia, consolidando o carácter global dun encontro que nas súas anteriores edicións reuniu a especialistas dalgúns dos principais grupos de investigación en física solar do mundo.
A organización científica está integrada por expertos de institucións de referencia internacionais, mentres que o comité organizador local reúne a investigadores do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), a Universidade da Coruña, a Universidad de La Laguna (ULL) e o CITIC.
Sobre o CITIC
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) é un centro de investigación da Universidade da Coruña creado en 2008 para impulsar o avance e a excelencia na I+D+i aplicada ás tecnoloxías da información e as comunicacións.
A súa actividade científica estrutúrase en catro grandes áreas de investigación: Intelixencia artificial, Ciencia e Enxeñería de Datos, Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha liña transversal dedicada á Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e forma parte da Rede CIGUS para o período 2024-2027, un recoñecemento que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do centro está cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea, a través do Programa FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo de promover unha Europa máis intelixente mediante unha transformación económica innovadora e intelixente (ED431G 2023/01).