CITIC

O CITIC invita a participar no InfoDay de TALENTGAL, o novo programa internacional para atraer talento investigador a Galicia

02/06/2026 - CITIC
  • A xornada informativa celebrarase online o vindeiro 4 de xuño e permitirá coñecer todos os detalles da primeira convocatoria deste programa europeo de excelencia.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña anima ás persoas investigadoras interesadas en desenvolver a súa carreira posdoutoral en Galicia a participar no TALENTGAL InfoDay, que terá lugar o vindeiro xoves, 4 de xuño, de 14:00 a 15:30 horas, en formato online.

A sesión está organizada pola Oficina do Programa TALENTGAL e ten como obxectivo presentar en detalle esta iniciativa internacional, impulsada pola Rede CIGUS e financiada a través do programa europeo Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA COFUND), que busca atraer e reter talento investigador de excelencia en Galicia. TALENTGAL ofrecerá un total de 40 contratos posdoutorais durante os vindeiros cinco anos para desenvolver proxectos de investigación de alto impacto nos dez centros de excelencia que integran a Rede CIGUS.

Durante o InfoDay, as persoas asistentes poderán coñecer a estrutura e alcance científico do programa, as institucións de acollida participantes, as características das axudas e as oportunidades que ofrece a primeira convocatoria, actualmente aberta. Así mesmo, explicaranse os temas de investigación dispoñibles, o proceso de solicitude e avaliación de candidaturas, ademais dunha convocatoria específica para persoas avaliadoras. A xornada concluirá cunha sesión aberta de preguntas e respostas.

TALENTGAL está dirixido a investigadores e investigadoras posdoutorais de calquera nacionalidade que desexen desenvolver proxectos innovadores e interdisciplinares en áreas como Saúde e Biomedicina, Ciencias e Ciencias da Vida, e Enxeñaría e Tecnoloxía. O programa combina investigación de excelencia, formación avanzada en competencias transversais, estadías intersectoriais e acompañamento profesional para potenciar o desenvolvemento da carreira investigadora tanto no ámbito académico como no empresarial.

Como un dos centros de excelencia da Rede CIGUS, o CITIC participa en TALENTGAL ofrecendo oportunidades de investigación en ámbitos estratéxicos vinculados á intelixencia artificial, a ciencia de datos, as tecnoloxías dixitais sostibles e outros campos emerxentes das TIC.

As persoas interesadas poden rexistrarse gratuitamente para asistir á xornada a través da seguinte ligazón.

Máis información sobre o programa TALENTGAL: https://talentgal.cigus.gal/