O CITIC logra financiamento para oito proxectos na convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025 da AEI
O CITIC da Universidade da Coruña desenvolverá oito novos proxectos de investigación en ámbitos como a intelixencia artificial, a computación de altas prestacións, as redes 6G, a ciberseguridade, a saúde dixital e a sustentabilidade, tras a resolución provisional da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025 da Axencia Estatal de Investigación (AEI). Estes resultados contribúen ao éxito global da UDC, que obtivo financiamento para 46 proxectos e 11 contratos predoutorais, cunha captación de 6,3 millóns de euros, consolidando a súa capacidade para atraer financiamento competitivo a nivel estatal.
Os oito proxectos concedidos ao CITIC reforzan o liderado do centro na investigación en tecnoloxías dixitais avanzadas e abranguen áreas estratéxicas como a intelixencia artificial, a computación de altas prestacións, a ciencia de datos, a enxeñaría do software, as comunicacións de nova xeración e a ciberseguridade, con aplicacións directas en sectores como a saúde, a industria, a sustentabilidade ambiental e as infraestruturas dixitais.
Un dos proxectos financiados é “Arquitecturas, frameworks e aplicacións da computación de altas prestacións II”, liderado por Juan Touriño Domínguez e Jorge González Domínguez. A investigación permitirá avanzar na optimización da execución de aplicacións sobre arquitecturas avanzadas, incluíndo GPUs, FPGAs e computación cuántica, ademais de impulsar o uso de supercomputadores en ámbitos como a enxeñaría naval, a bioloxía computacional ou a intelixencia artificial, e desenvolver solucións máis eficientes desde o punto de vista enerxético para o procesamento de datos.
No ámbito das comunicacións intelixentes, o proxecto GEMMA, dirixido por Luis Castedo Ribas e José Antonio García Naya, investigará a integración da intelixencia artificial xerativa e das tecnoloxías cuánticas nas futuras redes 6G. O obxectivo é desenvolver sistemas capaces de comunicarse, detectar e comprender a súa contorna de forma integrada, mellorando a eficiencia, a seguridade e a fiabilidade das comunicacións para aplicacións industriais, do transporte ou da internet das cousas.
Pola súa banda, Carlos Vázquez Cendón e Íñigo Arregui Álvarez liderarán o proxecto “Métodos matemáticos e computacionais para novos retos en finanzas, enxeñaría e biotecnoloxía”, que combinará modelización matemática, computación avanzada e técnicas de deep learning para dar resposta a desafíos nas finanzas cuantitativas, os mercados enerxéticos, a enxeñaría industrial e a biotecnoloxía, incorporando ademais novas liñas de investigación en computación cuántica aplicada.
A aplicación da intelixencia artificial ao ámbito sanitario protagoniza o proxecto X-MED, dirixido por Javier Parapar López e Álvaro Barreiro García. A iniciativa desenvolverá novas tecnoloxías de busca de información médica que permitan ofrecer respostas máis fiables, transparentes e verificables, incorporando métricas de calidade, explicabilidade e evidencia clínica, así como novas metodoloxías para mellorar os sistemas de recuperación e xeración de información sanitaria.
A sustentabilidade ambiental tamén ocupa un lugar destacado con ELBA, proxecto liderado por Diego Seco Naveiras e Guillermo de Bernardo Roca. A súa investigación desenvolverá novas estruturas de datos e modelos de intelixencia artificial para representar, almacenar e analizar grandes volumes de información ambiental, facilitando aplicacións relacionadas coa vixilancia do territorio, o estudo do cambio climático e a xestión sostible dos recursos naturais.
No ámbito da enxeñaría do software, Óscar Pedreira Fernández e Ángeles Saavedra Places desenvolverán HERMESG, un proxecto coordinado que busca mellorar o desenvolvemento de software en contornas híbridas e remotas mediante tecnoloxías avanzadas de datos e intelixencia artificial. A iniciativa pretende reforzar a colaboración distribuída, o benestar dos equipos e a sustentabilidade das organizacións, aliñando estes procesos cos principios ambientais, sociais e de gobernanza.
Ciberseguridade, IA e deep learning
A ciberseguridade será o eixe do proxecto NetHermes, liderado por José Manuel Vázquez Naya e Alejandro Pazos Sierra. A investigación desenvolverá un novo marco de intelixencia artificial capaz de analizar conxuntamente o tráfico de rede e a información expresada en linguaxe natural para mellorar a detección de ameazas complexas e reforzar a protección das infraestruturas dixitais. Ademais, o proxecto xerará novos conxuntos de datos, modelos e ferramentas abertas para a comunidade científica.
Finalmente, o investigador Cristian Robert Munteanu dirixirá AMANTE-AI-Dock, un proxecto que aplicará intelixencia artificial, deep learning e técnicas de modelado molecular para predicir a toxicidade de aditivos plásticos e avanzar na avaliación do risco químico cunha menor dependencia dos ensaios con animais. A iniciativa contribuirá ao desenvolvemento de ferramentas aliñadas coa normativa europea e facilitará novas metodoloxías para protexer a saúde humana e os ecosistemas acuáticos.
A resolución provisional desta convocatoria sitúa ao CITIC entre os principais centros de investigación da Universidade da Coruña en captación de proxectos competitivos, con oito iniciativas financiadas que contribuirán ao avance do coñecemento e ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas de alto impacto para a sociedade.