O CITIC participará no Día da Ciencia na Rúa 2026 con actividades de divulgación e innovación
- Será o vindeiro 9 de maio nos Xardíns de Méndez Núñez
O CITIC da UDC participará no Día da Ciencia na Rúa 2026, que terá lugar o vindeiro 9 de maio nos Xardíns de Méndez Núñez en A Coruña, con actividades de divulgación e innovación. Esta nova edición consolídase como unha das citas máis destacadas da divulgación científica en Galicia, desde a súa posta en marcha en 1996 pola Asociación de Amigos de los Museos e organizada na actualidade polos Museos Científicos de A Coruña coa colaboración do Concello da Coruña.
O CITIC contará coa súa propia xaima, na que desenvolverá ao longo da xornada un completo programa de actividades.
A partir das 11:00 horas realizaranse tres obradoiros. O primeiro será “Robótica intelixente e cognitiva”, impartido por Martín Naya xunto con José Antonio Leis, Francisco Bellas e Jakub Müller. A continuación, David Otero presentará a actividade “IA contra o odio”, coa participación de Paloma Piot, Eliseo Bao, Anxo Pérez e Javier Parapar. Por último, as investigadoras Laura Morán, María Merelas Ares e Xosé Manuel García García levarán a cabo o obradoiro “Algoritmos verdes”.
Entre as 13:00 e as 15:00 horas desenvolveranse novas actividades. Ás 13:00 intervirán en CUAC FM Paloma Piot, Xabier Pérez e Irene Brage. Seguidamente presentarase a proposta “O meu mapa das cancións que lembro”, de Hilda Romero. Despois terá lugar a presentación dos retos do proxecto Talentos Inclusivos, a cargo de Irene Brage xunto co alumnado do IES Ramón Menéndez Pidal de Zalaeta, un dos centros educativos que participan na actual edición do programa. A continuación, Xabier Pérez, xunto cos investigadores Clara Valle, Andrija Zupic, Ángel Regueiro e Mateo Fernández, dirixirá unha actividade centrada na observación solar e no recoñecemento de manchas solares mediante intelixencia artificial, así como na exploración da galaxia a través do telescopio espacial Gaia e da realidade virtual.
Xa pola tarde, entre as 15:30 e as 19:00 horas, Adriana Dapena desenvolverá a actividade “Indución, circuítos e TIC para o desenvolvemento de proxectos”, xunto con Óscar Fresnedo, Paula Castro e Liz Gámez. Paralelamente, entre as 16:00 e as 19:00 horas, terá lugar a proposta “Intelixencia artificial para mellorar a saúde da muller: aplicación en incontinencia urinaria”, a cargo de Javier Pereira xunto con Jorge Rivadulla, Freddy Pérez e Isabel Tuñas, na que se mostrará como as tecnoloxías baseadas en intelixencia artificial poden aplicarse no ámbito sanitario para mellorar a calidade de vida.
O Día da Ciencia na Rúa ten como obxectivo achegar a ciencia á cidadanía, especialmente á xente máis nova, mediante propostas participativas nas que a aprendizaxe se transforma nunha experiencia lúdica e accesible que favorece o contacto directo co coñecemento científico nun espazo aberto.