O CITIC recibe aos clústeres galegos da man de UDC Conecta
- Representantes dos principais clústeres galegos visitaron hoxe o CITIC da UDC no marco de UDC Conecta, unha iniciativa organizada pola Oficina de Transferencia do Coñecemento (OTC).
- O responsable de Transferencia e Innovación do CITIC, Javier Garrido, presentou as capacidades do centro.
A Coruña, 24 de abril de 2026.- O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña recibiu hoxe a representantes dos clústeres galegos no marco da iniciativa UDC Conecta, impulsada pola Oficina de Transferencia do Coñecemento (OTC). O obxectivo deste programa é explorar e impulsar novas liñas de colaboración, así como achegar ás empresas integrantes dos clústeres as capacidades científico-tecnolóxicas dos diferentes centros de investigación da universidade.
Maribel Docampo, directora da OTC, presentou as funcións desta oficina e os obxectivos do programa UDC Conecta. Pola súa banda, o responsable de Transferencia e Innovación do CITIC, Javier Garrido Barral, expuxo as principais capacidades do centro en materia de investigación e transferencia. O CITIC mantén colaboracións con administracións públicas, empresas e entidades do terceiro sector, actuando como ponte entre a investigación universitaria e o tecido socioeconómico. Na actualidade, o CITIC conta con máis de 50 proxectos activos en colaboración con empresas de sectores como a biotecnoloxía, o aeroespacial, a industria 4.0, a saúde ou o naval.
Presentáronse algúns proxectos do centro como PILLAR-Robots, centrado no deseño de robots autónomos con aprendizaxe continua, motivación intrínseca e propósito definido; ou SPACIOUS, unha iniciativa orientada ao desenvolvemento dunha plataforma científica na nube para a explotación de grandes volumes de datos procedentes de misións espaciais da Axencia Espacial Europea, como Gaia e Euclid.
A xornada continuou cunha visita polas instalacións do centro TIC, na que as persoas asistentes puideron coñecer de primeira man diferentes exemplos de investigación aplicada. No Demostrador Tecnolóxico amosáronse, entre outros, un sistema baseado en intelixencia artificial para a detección de pólipos, ou a aplicación FlatCITY, que emprega tecnoloxía Internet of Things (IoT) para identificar barreiras ás que se enfrontan as persoas con mobilidade reducida nas cidades intelixentes. Entre as súas funcionalidades, destaca a localización de prazas de aparcamento adaptadas próximas ao usuario na cidade da Coruña.
Ademais, o grupo visitou a Sala de Robótica, o Centro de Procesado de Datos (CPD); e a Sala de Realidade Virtual, na que puideron probar un supermercado virtual deseñado para axudar ás persoas con discapacidade a recuperar a súa autonomía a través dunha experiencia de compra simulada.