CITIC

O CITIC reforza a súa colaboración co MIT cunha nova edición do programa internacional de prácticas MISTI

18/06/2026 - CITIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña continúa fortalecendo a súa relación co Massachusetts Institute of Technology (MIT) mediante unha nova edición do programa de prácticas internacionais MIT International Science and Technology Initiatives (MISTI), unha iniciativa que facilita a realización de estadías formativas e de investigación de estudantes desta prestixiosa institución estadounidense en centros de excelencia de todo o mundo.

Durante este verán, dous estudantes do MIT desenvolverán os seus proxectos de investigación no CITIC, integrándose en distintos grupos de traballo do centro e colaborando co persoal investigador do CITIC da Universidade da Coruña. Esta nova edición dá continuidade a unha colaboración iniciada o pasado ano e consolida o CITIC como unha contorna de referencia para a formación internacional no ámbito das tecnoloxías da información e das comunicacións.

Os estudantes participarán en proxectos vinculados a liñas estratéxicas de investigación do centro baixo a supervisión de investigadores do CITIC. En concreto, David Ranaudo desenvolverá a súa estadía no grupo M2NICA, titorizado polo investigador Ramón y Cajal Álvaro Leitao Rodríguez. Centrará o seu traballo no proxecto Differential Kolmogorov-Arnold Networks for Quantitative Finance, no que desenvolverá un novo tipo de rede neuronal que combina dúas aproximacións recentes en intelixencia artificial: as Redes de Kolmogórov-Arnold (KAN), un modelo matemático que demostrou unha maior precisión ca as redes neuronais tradicionais, e a Aprendizaxe Automática Diferencial, unha técnica que contribúe a mellorar o adestramento destes modelos. Esta ferramenta aplicarase á valoración de derivados financeiros, un problema complexo do ámbito das finanzas. David Ranaudo estuda Computer Science and Engineering no MIT e participou no desenvolvemento, deseño e fabricación de sistemas de robótica oceánica.

Pola súa banda, Kyran Siddiqui traballará baixo a supervisión dos investigadores José Manuel Vázquez Naya e Rubén Pérez Jove, no grupo RNASA-IMEDIR. A súa investigación situarase na intersección entre a intelixencia artificial e a ciberseguridade, mediante o desenvolvemento de modelos fundacionais de IA baseados na arquitectura Transformer, orientados á análise do tráfico en redes de telecomunicacións, incluíndo contornas 5G, 6G e Internet das Cousas (IoT). Esta investigación ten como obxectivo detectar anomalías, identificar malware e predicir ameazas cibernéticas en tempo real. Kyran estuda Electrical Engineering and Computer Science no Massachusetts Institute of Technology (MIT) e participou en varios proxectos de robótica complexa e sistemas integrados. Ademais, realizou prácticas en Amazon.

A incorporación de estudantes internacionais á actividade investigadora do CITIC contribúe a reforzar o intercambio de coñecemento, fomentar a cooperación científica internacional e proxectar a capacidade investigadora da Universidade da Coruña nun contexto global.

Con esta nova edición do programa MISTI, o CITIC reafirma o seu compromiso coa internacionalización da investigación e coa creación de oportunidades de colaboración con algunhas das institucións académicas máis prestixiosas do mundo.