CITIC

O CITIC reforza o seu liderado internacional en recuperación de información con catro contribucións científicas en SIGIR 2026

03/08/2026 - CITIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC) participou na edición 2026 de SIGIR (ACM SIGIR Conference on Research and Development in Information Retrieval), o congreso internacional de referencia en recuperación de información, intelixencia artificial e minería de datos, celebrado este ano en Melbourne (Australia).

A presenza do CITIC neste encontro internacional reforza a proxección científica do centro e da UDC nun dos principais foros mundiais dedicados ás tecnoloxías de busca, os modelos de linguaxe e a intelixencia artificial. Cada ano, SIGIR reúne investigadores de universidades punteiras e empresas tecnolóxicas líderes como Google, Amazon ou Microsoft para presentar os avances máis innovadores do sector.

Durante o congreso, a delegación do CITIC presentou catro contribucións científicas, que abranguen desde a avaliación de sistemas de busca ata o uso de modelos de linguaxe para o análise de síntomas clínicos.

Investigación en avaliación de sistemas de busca

O profesor axudante doutor da UDC e investigador do CITIC David Otero presentou o traballo “Hybrid Pooling with LLMs via Relevance Context Learning”, desenvolvido xunto con Javier Parapar. O estudo propón Relevance Context Learning, un novo marco que emprega grandes modelos de linguaxe (LLM) para transformar os xuízos de relevancia realizados por expertos en narrativas textuais comprensibles e reutilizables. Este enfoque permite que os sistemas automáticos avalíen con maior precisión novos pares consulta‑documento, reducindo a necesidade de anotacións humanas e mellorando a escalabilidade da avaliación de motores de busca e sistemas de recuperación de información.

Avances no análise de síntomas clínicos mediante IA

O doutorando Eliseo Bao Souto presentou o traballo “Learning Evidence of Depression Symptoms via Prompt Induction”, en colaboración con David Otero, Miguel Anxo Pérez Vila e Javier Parapar. A investigación introduce Symptom Induction, unha metodoloxía que permite aos modelos de linguaxe identificar síntomas de depresión a partir de guías interpretables xeradas automaticamente, sen necesidade de recorrer directamente a exemplos clínicos anotados.

Contribucións en motores de busca e modelos xerativos

O investigador do CITIC e profesor da UDC Jorge Gabín presentou dous estudos centrados na interacción entre os motores de busca e a intelixencia artificial xerativa. Nunha sesión oral expuxo “Lost in the Evidence? Reproducing Document Position and Context Size Effects in RAG”, un traballo que analiza como os modelos de linguaxe procesan grandes volumes de información e se tenden a esquecer datos situados en posicións intermedias de textos extensos. Nunha sesión de póster presentou “Beyond Top‑e: Simulation-Based Interactive Evaluation for Query Suggestions”, que propón o uso de IA para simular interaccións reais de usuarios e avaliar con maior precisión a utilidade das suxestións de consulta.

A aceptación destes traballos en SIGIR 2026 pon de manifesto a calidade da investigación desenvolvida no CITIC e o crecente recoñecemento internacional da Universidade da Coruña en áreas estratéxicas como a intelixencia artificial, a recuperación de información e a ciencia de datos.