CITIC
HERIT 3TPM Spain

O CITIC reúne a entidades europeas nunha iniciativa para fomentar a educación dixital de propietarios de casas históricas

23/05/2022 – CITIC

O CITIC acollerá o martes 24 de maio unha reunión de traballo do proxecto europeo HERIT: Heritage Efficient management through Relevant IT use, no que participa o centro xunto co CUFIE e o Grupo de Estudos Territoriais da UDC e outras seis entidades europeas. HERIT é un proxecto financiado polo programa Erasmus+ que ten como obxectivo impulsar as competencias dixitais de propietarios/as privados/as de casas históricas, axudándolles a facer fronte ao impacto da pandemia no turismo cultural.

O elemento central de HERIT é a creación dun curso en liña masivo e aberto (MOOC) destinado ás persoas propietarias de casas históricas, polo que o CITIC aporta no proxecto a súa experiencia na posta en marcha de ferramentas dixitais dirixidas á formación. Así, a través deste curso, os/as participantes poderán adquirir habilidades e coñecementos axeitados para manter os seus edificios históricos en materia de desenvolvemento empresarial, marco normativo e xurídico, etc.

O acto de apertura contará coa presenza do director do CITIC e catedrático de IA na UDC, Manuel F. González Penedo, e o coordinador de proxectos da European Landowners’ Organization, Daniel Monteleone.

A investigadora Laura Nieto lidera o grupo de investigadores/as do CITIC que toman parte no proxecto. As demais entidades participantes son a European Landowners’ Organization e European Historic Houses de Bélxica, a Asociace Majitelů Hradů a Zámků de República Checa, Invasioni Digitali de Italia, a Université Paul-Valéry Montpellier de Francia, e On Projects de España.