CITIC

O grupo do CITIC LIA2, galardoado na VII edición dos premios SpinOff PuntoGal

13/11/2023 - CITIC

O grupo de investigación liderado polo investigador do CITIC Carlos Dafonte, Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións da Intelixencia artificial (LIA2), recibiu o premio na categoría de Grupos de Investigación na VII Edición dos premios SpinOff PuntoGal. Este premio distingue ás empresas e grupos máis innovadores da economía e da rede de investigación galegas. Carlos Dafonte, coordinador do grupo de investigación, recolleu o premio este venres 10 de outubro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura.

O xurado decidiu o pasado martes 17 de outubro outorgarlles este premio polo gran interese dos proxectos que están a desenvolver, avaliaron moi positivamente a presenza de mulleres no equipo e as actuacións que levan a cabo para promover a inclusión social. O comité estivo formado por Edita de Lorenzo, Irene Bonome, Sonia Martínez Arca, Maria Xosé Malmierca e Andrea Muras. Actuaron como secretarios do xurado, sen voz nin voto Luís Antelo (PuntoGal) e José Luis Estévez (GCiencia).

Os galardóns, convocados por GCiencia co patrocinio de PuntoGal coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e de Gadis, teñen como obxectivo recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a empresa e impulsar o recoñecemento que xorde desde os grupos de investigación. A convocatoria SpinOff PuntoGal está dividida en tres categorías: Idea Emerxente, Grupos de Investigación e Selo de Calidade. En total, participaron tres candidaturas nos apartado Grupos de Investigación, outras tres no apartado Idea Emerxente e sete no apartado Selo de Calidade.

Na categoría Selo de Calidade recoñeceuse a Hifas da Terra, compañía pontevedresa do sector da biotecnoloxía e, na categoría Idea Emerxente, seleccionouse a Solucións Aeronáuticas de Galicia (Saega).