O investigador do CITIC da UDC Carlos Vázquez Cendón liderará unha das principais revistas internacionais en matemática aplicada
- O catedrático da Universidade da Coruña será co-Editor Xefe de Mathematics and Computers in Simulation, unha publicación de referencia en modelización e simulación científica editada por Elsevier.
A Coruña, 30 de abril de 2026.- O investigador do CITIC da Universidade da Coruña e catedrático de Matemática Aplicada do Departamento de Matemáticas, Carlos Vázquez Cendón, foi nomeado co-Editor Xefe da revista científica Mathematics and Computers in Simulation, editada por Elsevier.
Trátase dunha das revistas internacionais de referencia no ámbito da modelización matemática, a simulación e a computación científica, cunha longa traxectoria e un alto impacto na comunidade investigadora. Actualmente ocupa o posto 3 dun total de 344 revistas indexadas na área de Matemática Aplicada, segundo o Journal Citation Reports.
En 2025, a revista recibiu máis de 4.000 artigos, cunha taxa de aceptación aproximada do 10%, o que reflicte o seu elevado nivel de esixencia científica e o seu carácter altamente selectivo.
A proposta de nomeamento foi realizada por un comité específico da International Association for Mathematics and Computers in Simulation (IMACS) e, posteriormente, aceptada por Elsevier en base ao currículo do profesor. Ata o de agora, Carlos Vázquez Cendón formaba parte do equipo editorial como un dos máis de 80 Editores Asociados, integrado por investigadores de prestixio internacional de todo o mundo.
Entre as funcións do co-Editor Xefe atópanse a recepción, coordinación e asignación de manuscritos aos Editores Asociados para o proceso de avaliación, así como a toma de decisións finais sobre a aceptación dos artigos.
Na actualidade, o investigador do CITIC da UDC tamén é Editor Xefe da revista SeMA Journal, publicada por Springer, e é Editor Asociado doutras revistas científicas de referencia como Applied Mathematics and Computation, International Journal on Computer Methods e Journal of Computational Finance.
Máis aló do recoñecemento que supón este nomeamento, o investigador destaca a responsabilidade que conleva “dadas as funcións asociadas a este posto nunha revista científica seria e de moi alto impacto”. Vázquez Cendón indica que “as tarefas a desempeñar son adicionais ás da docencia, investigación e xestión dentro da universidade, pero alégrame que poida axudar aos indicadores de internacionalización do grupo, do CITIC e da UDC”. “A maioría de colegas de profesión e área valoran moi positivamente este tipo de nomeamentos e responsabilidades”, subliña.
A súa traxectoria investigadora no ámbito da matemática aplicada deu lugar a máis de 150 artigos, dos cales máis de 140 son publicacións JCR, e impartiu máis de 50 conferencias convidadas en congresos internacionais. Ademais, dirixiu 23 teses doutorais e un bo número de traballos fin de máster nos másteres interuniversitarios nos que participa. Parte da súa investigación desenvolveuse no marco de contratos de transferencia con empresas e administracións, e outra parte dentro de proxectos internacionais.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).