CITIC

O investigador do CITIC, Ricardo Cao, Medalla de Investigación 2023 da RAGC polas súas contribucións nas Matemáticas, a Física e as Ciencias da Computación

03/10/2023 - CITIC

A Real Academia Galega de Ciencias fixo pública a concesión das “Medallas de Investigación 2023” a cinco científicas e científicos galegos en activo das universidades de A Coruña (UDC), Santiago de Compostela (USC) e Vigo (UVigo). Esta distinción, que cumpre a súa quinta edición, valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos.

Entre os galardoados atópase o investigador do CITIC e catedrático de Estatística e Investigación Operativa na Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad, a quen se lle outorgou a  medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. Deste xeito, a Academia quixo recoñecer a aplicación dos seus traballos en campos tan relevantes como a computación, xenética, neurociencia, oncoloxía, enerxía ou a matemática financeira. Ten desenvolto unha intensa actividade en consultaría estatística en ciencias da saúde, no contexto da enxeñaría naval, no sector comercial e na industria. Así mesmo, Ricardo Cao, preside dende marzo de 2020 o comité de expertos da Acción Matemática contra el Coronavirus, creado polo Comité Español de Matemáticas. Foi nomeado Fellow do Instituto de Estatística Matemática e galardoado coa Medalla da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa. Na actualidade lidera un proxecto do Instituto Nacional de Estadística (INE) para a mellora do procesamento de datos. 

“Síntome moi honrado de recibir unha distinción que leva o nome de Enrique Vidal Abascal, todo un referente no campo das Matemáticas. Quero ampliar este recoñecemento a todos os investigadores e investigadoras que traballan no eido da Estatística na nosa comunidade porque son moitas as persoas dedicadas a esta tarefa nas tres universidades galegas. Por último, gustaríame agradecerlle ao CITIC por proporme para esta distinción e por ser o lugar de encontro no que colaborar coas e cos colegas do centro” sinalou o investigador do CITIC, Ricardo Cao.

A entrega das medallas terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro mércores 4 de outubro no Pazo de Fonseca, en Santiago.  Ademais do investigador do CITIC tamén resultaron galardoados os científicos Jesús Salgado, David Posada, Aurora Grandal e Fernando Obelleiro.