CITIC

O investigador do CITIC, Ricardo Cao, novo Reitor da UDC

05/12/2023 - CITIC

A Universidade da Coruña (UDC) anunciou onte a elección do investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), Ricardo Cao, como o seu novo reitor para os próximos seis anos.

Ricardo Cao conta cunha ampla experiencia nos campos da estatística e as matemáticas, que inclúen máis de 200 traballos de investigación e colaboracións con científicos de todo o mundo. O seu labor destacouse especialmente no proxecto COVIDBENS, onde combinou o servizo público nun momento social crítico co desafío científico de desenvolver un modelo estatístico eficiente, aplicable non só ao COVID-19 senón tamén a outras problemáticas sanitarias como a gripe.

Desde 2008, o CITIC da UDC foi unha plataforma fundamental para Ricardo Cao, permitíndolle desenvolver proxectos singulares centrados na funcionalidade estatística. Recentemente, o Instituto Nacional de Estatística (INE) recoñeceu a versatilidade da súa traxectoria outorgándolle o Premio Nacional de Estatística, unha distinción colectiva que resalta a importancia do traballo en equipo na investigación.

O novo reitor destaca o factor humano como o principal valor que define o seu traballo; tamén para abordar cuestións tan de actualidade como a Intelixencia artificial,  “unha ferramenta de enormes posibilidades”.  Considera que unha das prioridades da universidade debe ser estreitar a súa colaboración coas empresas e as administracións, así como fomentar a participación a todos os niveis, esencial nun mundo globalizado e para abrir o horizonte da UDC á internacionalización. Trátase de xerar unidades de investigación conxuntas que permitan competir no escenario global. Neste sentido, a aposta estratéxica polos centros singulares como o CITIC, con profesionais TIC altamente demandados hoxe en día, constitúe unha excelente panca de impulso.