CITIC

O proxecto europeo GRESINT organiza un webinar internacional sobre tecnoloxías intelixentes para a clasificación de residuos

07/07/2026 - CITIC

O proxecto europeo INTERREG GRESINT, liderado por Sogama e no que participa o CITIC da UDC, celebrará o vindeiro xoves 9 de xullo, de 10:00 a 13:30 horas, o webinar internacional “Aplicación de tecnoloxías intelixentes de dixitalización na clasificación de residuos: leccións aprendidas”, unha xornada técnica destinada a dar a coñecer experiencias reais na incorporación de tecnoloxías dixitais para mellorar a xestión e a clasificación de residuos.

O seminario, organizado no marco do proxecto INTERREG, contará coa participación de especialistas, persoal investigador e profesionais do sector ambiental de España e Portugal, que presentarán casos prácticos e os principais resultados obtidos mediante o uso de ferramentas como a intelixencia artificial, a visión artificial, os sensores intelixentes e outras tecnoloxías de dixitalización aplicadas ás plantas de tratamento de residuos.

A iniciativa pretende mostrar como a transformación dixital está a contribuír a incrementar a eficiencia dos procesos de separación e valorización de residuos, mellorar a calidade dos materiais recuperados e avanzar cara a un modelo de economía circular máis sostible e innovador.

Entre os obxectivos do encontro destacan o intercambio de coñecemento entre entidades investigadoras, empresas e administracións públicas, así como a difusión das leccións aprendidas durante o desenvolvemento do proxecto GRESINT, favorecendo a transferencia tecnolóxica e a colaboración transfronteiriza.

A entidade portuguesa LIPOR, socia do proxecto, difundiu un comunicado no que destaca o papel que as tecnoloxías intelixentes están a desempeñar na transformación da xestión de residuos e a importancia de compartir experiencias reais para acelerar a innovación no sector.

A participación do CITIC neste proxecto europeo, coordinado no centro polos investigadores Miguel Ángel Rodríguez Luaces e Carlos Vázquez Regueiro, reforza o seu compromiso co desenvolvemento de solucións tecnolóxicas avanzadas para unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos, contribuíndo aos obxectivos europeos de dixitalización, transición ecolóxica e economía circular.

As persoas interesadas poden consultar o programa completo e inscribirse a través da páxina oficial do webinar publicada por LIPOR: Curso: Aplicação de tecnologias inteligentes de digitalização na classificação de resíduos – Lições aprendidas | Academia Lipor.

Sobre GRESINT

GRESINT é un proxecto seleccionado na terceira convocatoria do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP 2021-2027), cun prazo de execución ata 2026 e cofinanciado pola Unión Europea. Liderado por Sogama, conta coa participación do CITIC da UDC, da Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos do Grande Porto (LIPOR) e da Universidade da Beira Interior (UBI).