CITIC

O traballo da investigadora Adriana Dapena, premiado nas JENUI 2026 pola súa contribución á igualdade de xénero na docencia universitaria

24/07/2026 - CITIC

A investigadora do CITIC da UDC Adriana Dapena Janeiro, xunto con Carlos Escudero, Paula Castro e Daniel Iglesia, foi galardoada co Premio ao Mellor Traballo relativo á perspectiva de xénero nos estudos de Informática, concedido pola Comisión de Mulleres en Informática da Sociedade Científica Informática de España, no marco das XXXII Xornadas sobre o Ensino Universitario da Informática (JENUI 2026), promovidas pola Asociación de Ensinantes Universitarios da Informática.

O recoñecemento distingue o artigo “Sistema multiagente para la evaluación de lenguaje inclusivo y no sexista en guías docentes”, unha investigación que propón unha solución innovadora baseada en intelixencia artificial para favorecer a implantación dunha linguaxe inclusiva e non sexista na documentación académica das universidades.

O traballo desenvolve un sistema multiaxente capaz de transformar as normativas e recomendacións institucionais sobre linguaxe inclusiva en rúbricas de avaliación, facilitando así unha revisión sistemática e obxectiva das guías docentes. A ferramenta identifica expresións potencialmente excluíntes, propón alternativas fundamentadas na normativa vixente e permite incorporar as modificacións mediante unha interface conversacional que mantén a supervisión humana durante todo o proceso.

Ademais do desenvolvemento tecnolóxico, a investigación inclúe un estudo aplicado sobre guías docentes de titulacións de Enxeñaría Informática de diversas universidades españolas. A análise permite coñecer o grao de cumprimento das recomendacións sobre linguaxe inclusiva e detectar áreas de mellora na elaboración destes documentos, contribuíndo a promover unha docencia máis igualitaria e respectuosa coa diversidade.

Este recoñecemento pon de relevo o crecente papel da intelixencia artificial como ferramenta de apoio para impulsar a igualdade de oportunidades no ámbito universitario, así como a importancia de integrar a perspectiva de xénero no ensino da informática e nos procesos de innovación educativa.

Para Adriana Dapena Janeiro, este premio supón un respaldo ao traballo desenvolvido no ámbito da intelixencia artificial aplicada á educación e reafirma o compromiso da investigación co deseño de tecnoloxías responsables que contribúan a construír contornas académicas máis inclusivas.

O Premio ao Mellor Traballo relativo á perspectiva de xénero nos estudos de Informática ten como obxectivo recoñecer investigacións que fomenten a incorporación da perspectiva de xénero no ensino, na investigación e na práctica da informática, promovendo iniciativas que contribúan a unha universidade máis equitativa e inclusiva.