CITIC

Os Almorzos TIC Talk analizan como os astrocitos, as “estrelas” ocultas do cerebro, poden impulsar a intelixencia artificial

24/02/2026 - CITIC

O CITIC da Universidade da Coruña acolleu este martes unha nova edición dos AlmorzosTIC Talk, un espazo de divulgación e debate dedicado á tecnoloxía e á innovación. Nesta ocasión, a investigadora Ana Ribas foi a encargada de impartir a charla titulada “But… what is an astrocyte?”, centrada na conexión entre neurociencia e intelixencia artificial.

As redes neuronais artificiais naceron co obxectivo de comprender mellor o funcionamento do cerebro. Tradicionalmente, a investigación centrouse nas neuronas como elementos clave do sistema nervioso. Porén, os avances en neurociencia demostraron que non eran as únicas células implicadas no procesamento da información.

En particular, os astrocitos, células do cerebro que durante moito tempo se consideraron simples “axudantes” das neuronas, teñen en realidade un papel activo no procesamento da información. Neste modelo, non se limitan a dar soporte, senón que participan na computación neuronal: regulan como se transmite a información entre unha neurona que envía o sinal (presináptica) e outra que a recibe (postsináptica). Ao modular esa transmisión, inflúen directamente na intensidade, no ritmo e na eficacia da comunicación neuronal, contribuíndo así á dinámica coa que o cerebro procesa a información.

Grazas á inspiración deste mecanismo biolóxico, cada vez máis investigadores e investigadoras incorporan astrocitos artificiais en arquitecturas de aprendizaxe profunda. Estes mecanismos funcionan como un sistema de “axuste fino” do cerebro artificial. En lugar de cambiar a forma ou a estrutura da rede, o que fan é modificar a intensidade das conexións entre as súas neuronas segundo a actividade que van tendo. É dicir, se certas conexións se usan moito e dan bos resultados, refórzanse; se non son útiles, debilítanse.

Grazas a este axuste continuo, a rede pode adaptarse a novas situacións e aprender da experiencia sen necesidade de ser redeseñada por dentro. É como se, en lugar de reconstruír unha estrada, simplemente regulásemos o tráfico para que flúa mellor.

En diferentes probas e aplicacións prácticas, este enfoque demostrou que os sistemas se volven máis estables (menos propensos a fallar ante cambios ou ruído) e tamén máis eficaces no seu rendemento.

Durante a charla, Ana Ribas presentou o papel biolóxico dos astrocitos, conectouno con principios fundamentais da organización cerebral e expuxo evidencias experimentais que ilustraron o potencial dos astrocitos artificiais no desenvolvemento de novas solucións en intelixencia artificial.