Os nesgos da intelixencia artificial, dende a saúde mental e o discurso de odio ata o machismo, a debate na UDC
A Universidade da Coruña celebrará o vindeiro 2 de outubro, na Casa do Alumnado, a cuarta edición das Xornadas de IA e Nesgos de Xénero: oportunidades para a igualdade, un encontro que reunirá especialistas de diferentes ámbitos para reflexionar sobre os retos que presenta o desenvolvemento e o uso da intelixencia artificial dende unha perspectiva crítica, inclusiva e orientada á igualdade. As xornadas están organizadas pola investigadora do CITIC Laura Morán e por Teresa Piñeiro, da UDC.
Ao longo da mañá, abordaranse cuestións que van dende a presenza de nesgos cognitivos e de xénero nos sistemas de intelixencia artificial ata o seu impacto en eidos como a saúde mental, as redes sociais, a contratación de seguros ou a detección do discurso de odio. O programa permitirá deste xeito analizar como estes nesgos poden aparecer tanto nos datos cos que se adestran os sistemas, como nas decisións relacionadas co seu deseño e aplicacións concretas.
A xornada contará coa participación de Helena Matute, da Universidade de Deusto, que analizará como a intelixencia artificial pode herdar os nesgos das persoas e, á súa vez, transmitilos ás persoas que interactúan con ela. A súa intervención poñerá o foco nas diferentes formas en que estes sistemas poden influír nas decisións humanas e amplificar determinados nesgos.
Pola súa banda, Eurídice Cabañes proporá unha reflexión sobre as bases culturais e sociais sobre as que se constrúen os sistemas actuais de intelixencia artificial. A súa intervención cuestionará a visión da tecnoloxía dende perspectivas patriarcais, extrativistas e coloniais e defenderá a necesidade de repensar o deseño tecnolóxico dende conceptos como a reciprocidade, a rexeneración e os coidados.
A relación entre intelixencia artificial e saúde mental será outro dos eixes do encontro. Ana Freire, da Universitat Pompeu Fabra, presentará un caso de estudo sobre a utilización de técnicas de aprendizaxe automática para detectar sinais de anorexia nerviosa nas redes sociais. A investigación permitirá analizar como os nesgos poden introducirse nos datos, na súa representación ou no propio deseño dos problemas que se pretende resolver, e como o incremento do volume de datos non sempre garante resultados máis xustos.
O programa completarase coa sesión “FACTOR[IA] UDC · investigacións en 10’”, na que participarán persoas vencelladas á Universidade da Coruña para presentar diferentes liñas de investigación relacionadas coa intelixencia artificial. Nesta, inclúense propostas que prestarán especial atención á lingua galega e ás linguas minorizadas, como Lucía Álvarez, de Gradiant, que explicará a importancia de desenvolver ferramentas capaces de detectar directamente en galego o discurso machista e o acoso nas redes sociais. A creación dun corpus específico permite avanzar cara a tecnoloxías que teñan en conta as particularidades lingüísticas do galego e eviten a perda de información e matices que pode producir a tradución previa a outras linguas.
Tamén participará Paloma Piot, investigadora do CITIC da UDC, que abordará os nesgos demográficos na detección e clasificación do discurso de odio e analizará como a adopción dun determinado perfil demográfico pode influír na identificación deste tipo de contidos, así como o xeito en que a intelixencia artificial pode contribuír á corrección dos nesgos detectados.
Outro dos ámbitos analizados nesta sección será o da contratación de seguros. Rafael Colina, catedrático da UDC, examinará a crecente presenza da intelixencia artificial nos procesos de comercialización e personalización dos seguros e os riscos de que o emprego destes sistemas introduza diferenzas de trato entre clientes sen unha xustificación obxectiva e razoable. Un dos retos destacados é, precisamente, a dificultade para detectar determinadas prácticas discriminatorias cando as decisións son tomadas ou condicionadas por sistemas automatizados.
Por último, a mesa redonda: “Cara unha IA máis igualitaria”, moderada por Laura Castro, permitirá poñer en común as diferentes perspectivas abordadas ao longo da xornada.
Con esta cuarta edición, as Xornadas de IA e Nesgos de Xénero consolidan un espazo de encontro entre investigación, tecnoloxía e sociedade para analizar como construír sistemas de intelixencia artificial máis conscientes das desigualdades existentes e máis respectuosos coa diversidade.
As xornadas terán lugar o 2 de outubro, de 10:00 a 14:30 horas, na Casa do Alumnado.