CITIC

Retos sociais, éticos, laborais e educativos da IA no taller de HumanIA UDC, coa colaboración do CITIC

23/04/2024 - CITIC
  • A experta en asesoramento tecnolóxico e diversidade, Cristina Aranda, insistiu na necesidade de que a IA sexa xusta e inclusiva

Esta tarde celebrouse o cuarto taller de HumanIA da UDC, ciclo formativo organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDC, en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC).

A consultora de tecnoloxía, data, IA e transformación cultural e asesora sobre tech e diversidade, Cristina Aranda Gutiérrez, foi a encargada de impartir o taller sobre “Perfís profesionais: humanidades e IA” no que convidou a reflexionar sobre como a IA pode ser xusta e inclusiva e por que é fundamental que o sexa; como debemos abordar os retos sociais, éticos, laborais e educativos que conleva esta tecnoloxía. Neste contexto, a cofundadora de Big Onion e tamén de Mujeres Tech, asociación que promove iniciativas para impulsar a presenza feminina en diferentes postos de ámbito dixital, convidou a realizar a necesaria transferencia de tecnoloxía e abordar de maneira efectiva a cooperación dos diferentes perfís profesionais e persoais.

O taller enmárcase no ciclo formativo ‘HumanIA UDC: O desafío para as Humanidades en tempos da Intelixencia artificial’, lanzado o pasado mes de setembro, e que ten como obxectivo mostrar o impacto e potencia da Intelixencia artificial en os estudos e nos postos de traballo relacionados coas Humanidades. 

Ata o momento, máis de 400 asistentes participaron nos talleres de HumanIA nos que se abordaron tamén a regulación da Intelixencia artificial e casos de uso no mercado laboral de Chat GPT e outras aplicacións.