Rubén Cuevas, profesor da UC3M, presenta no CITIC da UDC un método científico para medir e reducir o impacto enerxético da IA
- A charla, que terá lugar o mércores 28 de xaneiro, enmárcase no ciclo “Converxencia Verde: IA para un futuro sustentable” da Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes.
O CITIC da Universidade da Coruña acollerá o vindeiro mércores 28 de xaneiro, ás 12:00 horas, a conferencia titulada “Un enfoque científico-práctico para a IA verde” que impartirá Rubén Cuevas, profesor titular da Universidade Carlos III de Madrid, subdirector do Instituto UC3M-Santander de Big Data e CEO e cofundador da empresa tecnolóxica Hiili. O encontro terá lugar na Sala Cloud do Centro TIC.
A charla enmárcase no ciclo “Converxencia Verde: IA para un futuro sustentable” impulsado pola Cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes e abordará un dos principais retos actuais do desenvolvemento tecnolóxico: o elevado consumo de enerxía, auga e as emisións de carbono asociadas á intelixencia artificial xerativa. Este impacto ambiental, cada vez máis documentado e asumido socialmente, formula importantes desafíos de cara ao crecemento previsto destas tecnoloxías nos vindeiros anos.
Durante a sesión, Rubén Cuevas presentará a metodoloxía desenvolvida por Hiili para medir con precisión o consumo enerxético dos modelos de IA xerativa, un aspecto clave para avanzar cara a sistemas máis eficientes e sostibles. A partir deste enfoque, introducirase GreenBrainAI, unha solución deseñada para optimizar o uso de modelos de genAI, mantendo o rendemento para as persoas usuarias e reducindo de forma significativa o consumo enerxético.
Rubén Cuevas é autor de máis de 80 publicacións científicas internacionais e participou en máis de 40 proxectos de investigación, liderando máis dunha vintena deles. O seu traballo céntrase en servizos dixitais enerxeticamente eficientes, publicidade en liña, transparencia web e privacidade, e foi recoñecido con diversos premios de ámbito nacional.
A conferencia está dirixida á comunidade universitaria, profesionais do ámbito tecnolóxico e a todas as persoas interesadas no desenvolvemento responsable e sostible da intelixencia artificial. O acceso é libre até completar aforo, pero require inscrición previa a través desta ligazón.