CITIC

Seis investigadores do CITIC participan no International Conference on Computational Finance en Oxford

09/09/2026 - CITIC
  • A representación do Centro TIC da UDC no congreso internacional incluíu a participación en dúas sesións científicas e a presenza de Carlos Vázquez no comité científico do evento.

Seis investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña participaron no International Conference on Computational Finance (ICCF2026), celebrado en Oxford do 1 ao 4 de setembro. O encontro é unha das principais citas internacionais no ámbito das finanzas cuantitativas e reúne investigadores e profesionais de referencia neste campo, ademais de contar cunha xornada dedicada á industria.

A presenza do CITIC enmarcouse en dúas das sesións científicas do programa. Álvaro Leitao e José Germán López participaron na sesión especial “Stochastic Control and Learning Methods for decision-making under uncertainty with Applications to Energy, Climate, and Finance”, centrada en métodos de control estocástico e aprendizaxe para a toma de decisións en contextos de incerteza, con aplicacións en ámbitos como a enerxía, o clima e as finanzas.

Pola súa banda, Héctor Folgar, Pablo Pérez, Joel Pérez e Carlos Vázquez participaron na sesión “ECMI SIG: Computational Methods for Finance and Energy Markets”, dedicada a métodos computacionais aplicados aos mercados financeiros e enerxéticos.

Ademais da súa participación no programa científico, Carlos Vázquez, investigador do CITIC, formou parte do comité científico do ICCF2026, contribuíndo á organización e avaliación científica desta edición do congreso.

A serie de congresos ICCF iniciouse en Greenwich en 2015, como unha iniciativa vinculada ao proxecto europeo STRIKE, no que tamén participaba a Universidade da Coruña. Posteriormente, en 2019, o encontro celebrouse na Coruña, e nesta edición de 2026 tivo como sede a Universidade de Oxford.