CITIC

Seminario sobre modelos avanzados para a estimación de indicadores laborais en pequenas áreas na Facultade de Informática da UDC

12/05/2026 - CITIC

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acollerá o vindeiro xoves, 14 de maio, ás 9:30 horas, un seminario especializado en estatística avanzada titulado “Small area estimation of labour indicators under area-level Dirichlet mixed models”, impartido polo profesor Domingo Morales, da Universidade Miguel Hernández de Elche. A conferencia, organizada polo grupo de investigación MODES, celebrarase na Aula de Graos Víctor Gulías da facultade e tamén será posible asistir en liña a través de Microsoft Teams.

Durante a conferencia, o profesor Domingo Morales presentará un novo modelo estatístico deseñado para mellorar a estimación de indicadores laborais en pequenas áreas, como provincias ou grupos de poboación específicos.

Esta metodoloxía permite obter predicións máis precisas sobre proporcións de persoas ocupadas, desempregadas e inactivas, así como calcular taxas de paro e as súas marxes de erro mediante técnicas de simulación. Deste xeito, achega unha ferramenta estatística robusta para a análise do mercado laboral en contextos con información mostral limitada.

O modelo foi validado a través de distintos estudos e aplicado a datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) española do cuarto trimestre de 2022, con resultados desagregados por sexo e grupo de idade, co obxectivo de estimar indicadores provinciais do mercado de traballo en España.

O acceso en liña á sesión realizarase a través de Microsoft Teams na ligazón habilitada na convocatoria oficial do seminario.

Cartel do seminario.