CITIC

TalentoCiberR, un evento para visibilizar o talento en ciberseguridade de Galicia

15/02/2024 - CITIC
  • A primeira edición celebrarase o 14 de marzo simultaneamente en A Coruña, Vigo e en liña. 
  • Os organizadores do mesmo son o CITIC da Universidade da Coruña, atlanTTic da Universidade de Vigo e a Cátedra R en Ciberseguridade (UDC, UVigo e a empresa R). 
  • O evento contará con dous obradoiros, unha mesa redonda e a 3ª edición da competición C3TF. 

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC) organiza xunto coa Cátedra R en Ciberseguridade (UVigo, UDC e a empresa R) e atlanTTic, da Universidade de Vigo, a primeira edición de TalentoCibeR. O evento ten por obxectivo dar visibilidade ao talento en ciberseguridade de Galicia e fomentar novas vocacións entre mozos e mozas, situando no mesmo espazo empresas e talento. 

A xornada celebrarase o vindeiro 14 de marzo nas instalacións do CITIC e o programa incluirá obradoiros prácticos, unha mesa coloquio e a terceira edición da competición “C3TF”, en formato Capture The Flag.  

O encontro terá lugar de maneira simultánea en A Coruña, Vigo e tamén en remoto. Este evento conta co apoio de Microsoft, da Facultade de Informática da Universidade Coruña (FIC), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (EET) e o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol. 

Obradoiros e charlas sobre ciberseguridade 

TalentoCibeR comezará coa celebración de dous obradoiros en paralelo: un dirixido ao alumnado de Ciclos de Formación Profesional e outro a estudantes de graos técnicos coma IA, Datos, Informática ou Telecomunicacións. 

O obradoiro denominado “Nova era: seguridade holística en Microsoft 365 e resposta automatizada ante incidentes usando IA” será impartido por Manuel García González, Senior Security Architect de Microsoft. Estará enfocado na suite de licenciamento de Microsoft 365 E5 na xestión de licenzas trial. Terá lugar no CITIC e no Salón de Graos da EET. 

Por outra banda, o obradoiro “O inicio do procedemento forense informático: adquisición de evidencias en PC, móbiles e pendrives USB”, estará a cargo de Rafael López García, profesor do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol. Neste curso ensinarase como adquirir certas evidencias forenses en distintos dispositivos empregando tanto ferramentas hardware (clonadoras) como ferramentas software gratuítas (FTK Imager, Caine, adb, WhatsApp Key/DB Extractor, Avilla Forensics, etc). Celebrarase na Sala Network do CITIC e na Aula T214 da EET.  

Cada seminario terá dúas horas de duración e é obrigatorio inscribirse a través da seguinte ligazón: https://catedrarciberseguridade.com/talento-ciber/. 

A continuación terá lugar a mesa coloquio “Empregabilidade e saídas profesionais de ciberseguridade” na que representantes das universidades de A Coruña e Vigo, xunto a profesionais de empresas galegas, darán resposta a preguntas tales como: que futuros poden abrirse unha vez rematada a formación universitaria ou de FP, ou cales son os perfís nacionais e internacionais da carreira profesional en ciberseguridade, entre outras.  

Finalizado o debate, o público asistente poderá intercambiar impresións cos relatores nun petisco.  

Competición C3TF 

Pola tarde, celebrarase no CITIC a terceira edición do C3TF, unha competición en formato CTF (Capture The Flag) ou “captura a bandeira”, na que os e as participantes de Bacharelato, Formación Profesional, Grao e Máster de centros educativos de España terán que resolver durante catro horas diferentes retos relacionados con ámbitos da ciberseguridade no menor tempo posible. 

Repartiranse tres premios ao ciber reto, financiados pola Cátedra R en Ciberseguridade, aos equipos gañadores: o primeiro equipo clasificado recibirá 1.000€, o segundo 700€ e o terceiro premio será de 400€.  

A inscrición é obrigatoria e pode realizarse a través desta ligazón: https://c3tf.io/inscripcion/.