CITIC

Talentos Inclusivos viaxa a Guatemala para compartir a súa experiencia de innovación educativa e inclusión

28/08/2026 - CITIC
  • Javier Pereira e Irene Brage representan o proxecto impulsado polo CITIC da UDC e ASPACE Coruña durante a experiencia vinculada ao IV Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global.
  • A viaxe, realizada entre o 17 e o 25 de agosto, permitiu coñecer sobre o terreo diferentes iniciativas de cooperación, educación e desenvolvemento, así como intercambiar experiencias e metodoloxías con entidades e comunidades guatemaltecas.
  • O programa incluíu visitas a centros educativos e comunidades de Jocotán, un encontro coa organización Kaqla e actividades no lago Atitlán e na Cidade de Guatemala.

A Coruña, 28 de agosto de 2026. – O proxecto Talentos Inclusivos, impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña e ASPACE Coruña, viaxou a Guatemala no marco do IV Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, recibido o pasado mes de maio.

Por segunda vez, o galardón, promovido pola Coordinadora Galega de ONGD co apoio da Xunta de Galicia, permite que dúas persoas docentes de cada un dos proxectos gañadores coñezan sobre o terreo o traballo da cooperación galega e participen en actividades de intercambio e coñecemento da realidade local.

En representación de Talentos Inclusivos viaxaron a Guatemala Javier Pereira e Irene Brage, que durante a experiencia tiveron tamén a oportunidade de presentar o proxecto e compartir a súa metodoloxía e experiencia nos ámbitos da innovación educativa, a inclusión e a sensibilización social.

A viaxe, desenvolvida entre os días 17 e 25 de agosto, incluíu diferentes actividades orientadas a coñecer iniciativas educativas, sociais e comunitarias e a favorecer o intercambio de experiencias. Entre elas destacou o encontro coa organización Kaqla, cunha visita ás súas instalacións, unha presentación do seu traballo e un intercambio de proxectos e metodoloxías. A xornada incluíu tamén un encontro con nenas, nenos e adolescentes participantes nos seus procesos de formación, liderado e sanación colectiva desde a cosmovisión maia.

Outro dos puntos centrais da viaxe foi Jocotán, onde a delegación visitou diferentes comunidades e unha escola da zona. Alí puideron coñecer o traballo do profesorado, as instalacións e os hortos escolares, así como diversas melloras incorporadas nos fogares co acompañamento de Mejorha, relacionadas con saneamento, cociñas ecolóxicas e enerxía.

O programa continuou no lago Atitlán, onde as persoas participantes coñeceron o traballo das mulleres artesás de Atípica, unha marca ética de roupa e complementos con sede en Guatemala, así como diferentes comunidades da zona.

Na recta final da viaxe, a delegación visitou o Centro Universitario de Oriente (CUNORI), unha unidade académica da Universidade de San Carlos de Guatemala. Durante a xornada puideron coñecer as súas instalacións, programas académicos e liñas de traballo, ademais de identificar áreas de interese común para fortalecer a cooperación e explorar futuros proxectos conxuntos. Posteriormente, a delegación trasladouse á Cidade de Guatemala, onde realizou un percorrido pola libraría Catafixia, un espazo cultural de referencia dedicado á literatura, ao pensamento crítico e á memoria histórica de Guatemala e Centroamérica.

A experiencia completouse coa participación no acto de entrega de diplomas ás monitoras e monitores voluntarios do Instituto Guatemalteco de Educación Radiofónica (IGER). No marco do proxecto «Voluntariado Internacional desde o Local», a Universidade da Coruña, a través do grupo de investigación ECIGAL, desenvolveu un programa de formación dirixido ao voluntariado do IGER e centrado en estratexias participativas para acompañar aprendizaxes significativas.

Javier Pereira, responsable do proxecto Talentos Inclusivos, destaca o valor desta experiencia como unha oportunidade para coñecer de primeira man outras realidades educativas e sociais e para establecer un diálogo entre diferentes formas de entender a educación, a participación e a inclusión. A visita permite, ademais, trasladar a outros contextos a experiencia acumulada por Talentos Inclusivos desde a súa posta en marcha en 2020.

Sobre Talentos Inclusivos

Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio do Consello Social da UDC, o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo que desenvolven solucións tecnolóxicas a retos formulados por persoas con parálise cerebral.

A través deste proxecto, estudantes de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia deben buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos propostos por usuarios das entidades ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Roja A Coruña.

Talentos Inclusivos conta tamén co apoio de persoas voluntarias de Inditex, que ofrecen asesoramento no desenvolvemento dos retos.

Máis información: https://talentosinclusivos.citic.udc.es/

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que impulsa o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A súa actividade científica estrutúrase en catro áreas principais de investigación: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha área transversal a todas elas: a Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e é membro da Rede CIGUS para o período 2024–2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021–2027, co obxectivo temático de promover «unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora» (ED431G 2023/01).