Verónica Bolón, premiada nos RAGC-UIE pola súa contribución pioneira á intelixencia artificial sustentable
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de resolver a segunda edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves, uns galardóns destinados a impulsar e recoñecer a excelencia científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade en tres ámbitos: Ciencias Básicas, Ciencias Técnicas e Ciencias Sociais.
Verónica Bolón, unha aposta pola IA verde
No campo das Ciencias Básicas recoñécese á enxeñeira informática Verónica Bolón (Carballo, 1984), que desenvolve a súa actividade investigadora no grupo LIDIA. Céntrase no deseño de sistemas de intelixencia artificial eficientes, capaces de equilibrar rendemento, custo computacional e impacto ambiental. Esta visión, que sitúa a sustentabilidade como eixe central do deseño algorítmico, é pioneira en España. Os resultados dos seus traballos téñense aplicado en ámbitos como o biomédico -diagnóstico de retinopatía do prematuro, enfermidades cardiovasculares ou trastornos do sono-, así como para a resolución de problemas ambientais e educativos. Forma parte do top 2% de investigadores máis influentes a nivel mundial segundo a Universidade de Stanford. É revisora habitual de programas do Consello Europeo de Investigación, o que implica avaliar proxectos de vangarda e contribuír á definición das prioridades científicas europeas. Dirixe a Cátedra UDC-Inditex de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes. Ademais, desenvolve tarefas de asesoramento institucional en intelixencia artificial -en particular para a Comisión Europea-, forma parte do comité de expertos para o asesoramento en IA en Galicia e é membro do comité do laboratorio de ideas da AESIA (Axencia Española para a Supervisión da IA).
Un recoñecemento ao talento da UDC
No campo das Ciencias Técnicas distínguese á investigadora da Universidade da Coruña Laura Castro (Betanzos, 1985), que desenvolve o seu labor no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) de Ferrol. A súa traxectoria céntrase no estudo técnico-económico das enerxías renovables mariñas: enerxía eólica mariña, enerxía undimotriz, sistemas híbridos de enerxía mariña e enerxía solar mariña. Traballou en sistemas de ancoraxe para plataformas mariñas de enerxía renovable.
En Ciencias Sociais prémiase a María Barreiro (A Coruña, 1987), profesora da Universidade da Coruña e investigadora do centro de investigación interuniversitario ECOBAS, especializado no estudo da sustentabilidade. Traballou na Universidade de Gävle (Suecia) e na UNED. Durante os últimos dez anos, a súa investigación centrouse especialmente en economía circular, desenvolvemento económico e cuestións de xénero. Enfócase na busca de mecanismos que axuden ás organizacións a ser máis sustentables, tanto económica como ambiental e socialmente.
Os galardóns están dotados con 5.000 euros para cada categoría e serán entregados nun acto previsto para o 18 de xuño en Santiago de Compostela.