A cuarta edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global distingue a Talentos Inclusivos
- Nesta edición foron galardoados “Talentos Inclusivos”, do CITIC da Universidade da Coruña, e “Non sempre se nace onde se pace”, dos CEIP A Canosa-Rus (Coristanco) e Xesús San Luís Romero (Carballo), xunto co IES Plurilingüe de Valga (Pontevedra) co proxecto “Cultivando conciencias, colleitando futuros”.
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2026. A sala Agustín Magán do centro sociocultural de Santa Marta acolleu este martes a gala de entrega dos galardóns do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global.
O acto foi inaugurado pola subdirectora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Eugenia Paz Costoya, quen destacou a importancia do Premio —que conta co apoio e o financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea— e o seu “significado especial, xa que incide na xustiza global e na responsabilidade compartida”, ademais de constituír “unha ferramenta moi útil capaz de xerar sinerxías entre profesorado, centros e entidades”.
Pola súa banda, a directora da Coordinadora Galega de ONGD, Sara García Mato, cualificou o Premio como un éxito colectivo, sinalando que “suma catro edicións e case oitenta proxectos presentados, todos de grande calidade, o que demostra a cantidade de persoas implicadas na educación transformadora e na construción dun mundo máis xusto”.
Vinte candidaturas e tres proxectos premiados
A calidade das vinte propostas presentadas a esta cuarta edición dificultou o labor do xurado —formado por seis profesionais da cooperación, do ensino e da educación para a cidadanía global—, que finalmente decidiu distinguir os proxectos:
- “Non sempre se nace onde se pace”, na categoría A (Infantil e Primaria), desenvolvido conxuntamente polo CEIP A Canosa-Rus (Coristanco) e o CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo).
- “Cultivando conciencias, colleitando futuros”, na categoría B (ESO, Bacharelato e Formación Profesional), do IES Plurilingüe de Valga.
- “Talentos Inclusivos”, na categoría C (ensino universitario), do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.
Os proxectos, explicados polas súas protagonistas e protagonistas
O acto tivo como protagonistas o profesorado e o alumnado premiado, que compartiron en primeira persoa os contidos, procesos e obxectivos das súas propostas.
O proxecto “Talentos Inclusivos” achega a ciencia e a tecnoloxía ao alumnado non universitario desde o CITIC da Universidade da Coruña. O seu obxectivo é espertar vocacións STEM e desenvolver competencias dixitais con impacto social a partir de retos reais, formulados por persoal e persoas usuarias de asociacións como ASPACE Coruña, entre outras.
Pola súa banda, o proxecto intercentros “Non sempre se nace onde se pace” pon o foco na cultura da solidariedade e da cooperación desde unha perspectiva intercultural, a través da historia ficticia de Maruxa e Coralia, dúas mulleres migrantes que chegan a Galicia desde América e arredor das cales se articulan diversas actividades. Nelas participou de forma coordinada alumnado de Infantil e Primaria dos colexios públicos A Canosa-Rus (Coristanco) e Xesús San Luís Romero (Carballo).
Tamén centrado na interculturalidade e na aprendizaxe compartida, o proxecto “Cultivando conciencias, colleitando futuros” implicou o alumnado do Ciclo Básico de Agroxardinaría e Composición Floral e do Ciclo Medio de Xardinaría e Floraría do IES Plurilingüe de Valga (Pontevedra). O grupo desenvolveu un proxecto inspirado nos xardíns circulares Tolou Keur do Senegal, adaptando esta idea ao contexto galego e promovendo a biodiversidade e prácticas sostibles, coa participación da comunidade senegalesa da localidade.
De Galicia a Guatemala para coñecer a cooperación ao desenvolvemento
Ademais de diplomas para o alumnado e o profesorado e un distintivo para os centros —deseñado polo obradoiro de xoiería Silvereira—, o Premio ofrece por segundo ano unha viaxe a proxectos de cooperación internacional en Guatemala para dúas persoas docentes de cada proxecto gañador.
Deste xeito, seis docentes poderán coñecer de primeira man este verán o traballo da cooperación galega nun país do Sur Global, seguindo a experiencia da edición anterior, na que viaxaron docentes da Facultade de Educación da Universidade da Coruña, do IES O Couto (Ourense) —en substitución do primeiro premio da súa categoría, o IES Luís Seoane (Pontevedra)— e do CEIP López Ferreiro (Compostela).
O Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global conta co apoio e o financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia. Nas súas catro edicións recibiu un total de 77 propostas de educación para a transformación social.