A segunda edición do proxecto Talentos Inclusivos avanza na resolución dos retos tecnolóxicos
06/05/2022 – CITIC
Os equipos de traballo do proxecto Talentos Inclusivos, promovido polo CITIC e ASPACE Coruña, están cada día máis preto de resolver os retos tecnolóxicos plantexados nesta segunda edición, iniciada ao comezo do actual curso escolar.
O IES Miraflores (Oleiros), encargado da creación de Ramplas de accesibilidade en impresión 3D portátiles, actualmente está traballando nas primeiras probas de impresión para conseguir adaptar os deseños.
O Colexio Calasanz PP. Escolapios está a desenvolver un Comunicador en contorna Scratch que interactúa con Alexa. Tras analizar diferentes propostas de ASPACE para continuar implementando melloras, conseguiron resolver algúns problemas de conexión e a comunicación con Alexa. Estes pequenos logros farán que usuarios de ASPACE poidan pór música ou acender a luz cun simple movemento cabeza.
Os retos asignados ao IES Terra de Trasancos (Narón), son a creación dun Dado electrónico con Arduino con carcasa con impresora 3D e un Licornio en impresión 3D. Co primeiro deles, dedicaron semanas a soldar a placa e a deseñar as carcasas do dado. Respecto ao licornio, conseguiron deseñar e imprimir a peza que suxeitará o pincel ou o lapis. Alén diso, propuxéronse deseñar outra peza para que usuarios de ASPACE poidan xogar a boccia.
O reto desenvolvido polo IES de Ortigueira consiste na elaboración dun Timbre inalámbrico adaptado para avisar ao coidador. A pesar de dispoñer xa dun prototipo para que os usuarios de ASPACE poidan ir facendo as probas necesarias, están a mudar a idea dunha caixa por unha táboa na que os compoñentes estean integrados.
Pola súa banda, o IES Sofía Casanova (Ferrol) está a traballar na creación de mandos con pulsadores adaptados, para os cales fixeron pulsadores con impresoras 3D. Ademáis están traballando nunha versión do videoxogo Tetris con pulsadores adaptados.
Dous foron os retos plantexados polo IES Agra do Orzán. Por unha banda, un xogo de luces para traballar a mobilidade e, por outra, un mesturador de dados con pulsador. En ASPACE puideron probar o xogo de luces e atoparon que, nalgúns momentos, o botón non se iluminaba. Seguirán traballando de maneira conxunta pois, como comentan os usuarios de ASPACE, este xogo é moi útil para traballar cos membros superiores. Respecto do seu segundo reto, o do dado electrónico, o grupo conseguiu ter un dado que non só se ilumina cos números, senón que tamén emite un son para anunciar o número que saíu.
O grupo do IES Ramón Menéndez Pidal – Zalaeta, está a traballar nun Dominó con tamaño adaptado, relevo e contraste de cor para persoas con baixa visión. Por agora, teñen pensado facer tres tipos: un con números, outro con puntos e un terceiro con figuras xeométricas. Usuarios de ASPACE propuxéronlles facelo de cores que contrasten, para os seus compañeiros que teñen problemas de visión. O segundo reto definido trata de Elementos de lecer-musical controlados por sensores.
Impresión 3D e produtos de accesibilidade ao computador e á tablet é o nome do reto do IES David Buján (Cambre). Aínda que o alumnado tivo algún problemiña técnico, non cesan no seu empeño de continuar avanzando. Conseguiran imprimir parafusos, torcas e unha peza que vai agarrada á cadeira e tiñan como seguinte obxectivo facer os brazos do soporte a través da impresora 3D.
O IES Rego de Trabe (Culleredo) definiu o seguinte reto: Téxtil intelixente. Comunicador que envía mensaxes en resposta a estímulos. O alumnado traballou na aprendizaxe para programar o Arduino en C++. Ademais, tamén se propuxeron aprender a coser con fío conductivo. Isto permitiralles coser un velcro conductivo que fará de interruptor. O seu seguinte reto é traballar coa máquina de coser.
Por último, O IES As Mariñas (Betanzos) están a traballar nunha Mesa de luz sensorial con pulsador adaptado e un Dominó adaptado con relevo e contraste de cor para persoas con baixa visión. Os dous retos atópanse xa nunha fase moi avanzada de desenvolvemento.