Os equipos de traballo do proxecto Talentos Inclusivos, promovido polo CITIC e ASPACE Coruña, están cada día máis preto de resolver os retos tecnolóxicos plantexados nesta segunda edición, iniciada ao comezo do actual curso escolar.
O IES Miraflores (Oleiros), encargado da creación de Ramplas de accesibilidade en impresión 3D portátiles, actualmente está traballando nas primeiras probas de impresión para conseguir adaptar os deseños.
O Colexio Calasanz PP. Escolapios está a desenvolver un Comunicador en contorna Scratch que interactúa con Alexa. Tras analizar diferentes propostas de ASPACE para continuar implementando melloras, conseguiron resolver algúns problemas de conexión e a comunicación con Alexa. Estes pequenos logros farán que usuarios de ASPACE poidan pór música ou acender a luz cun simple movemento cabeza.
Os retos asignados ao IES Terra de Trasancos (Narón), son a creación dun Dado electrónico con Arduino con carcasa con impresora 3D e un Licornio en impresión 3D. Co primeiro deles, dedicaron semanas a soldar a placa e a deseñar as carcasas do dado. Respecto ao licornio, conseguiron deseñar e imprimir a peza que suxeitará o pincel ou o lapis. Alén diso, propuxéronse deseñar outra peza para que usuarios de ASPACE poidan xogar a boccia.
O reto desenvolvido polo IES de Ortigueira consiste na elaboración dun Timbre inalámbrico adaptado para avisar ao coidador. A pesar de dispoñer xa dun prototipo para que os usuarios de ASPACE poidan ir facendo as probas necesarias, están a mudar a idea dunha caixa por unha táboa na que os compoñentes estean integrados.