De usuarios a pensadores: así se ensina IA nos institutos da Coruña
- O programa de alfabetización en IA xerativa impulsado pola Deputación da Coruña e o CITIC da UDC conclúe a súa primeira edición tras chegar a 20 institutos da provincia.
- Francisco Bellas, investigador do CITIC e responsable do programa, afirma que se cumpriu o obxectivo de formar ao alumnado no uso responsable da IA xerativa, con especial atención á ética e á legalidade.
- A Deputación considera clave dar continuidade ao programa para impulsar unha formación en IA crítica, responsable e adaptada ao sistema educativo.
A Coruña, 6 de maio de 2026
O alumnado xa convivía coa intelixencia artificial moito antes de que entrase oficialmente na aula como contido formativo. A primeira edición do programa de alfabetización en intelixencia artificial xerativa impulsado pola Deputación da Coruña, en colaboración co CITIC da Universidade da Coruña, chega agora ao seu fin tras o seu desenvolvemento entre febreiro e maio en 20 institutos da provincia. Unha experiencia educativa que non introduciu unha tecnoloxía descoñecida, senón que procurou explicar un uso que xa era habitual.
O programa percorreu centros de realidades moi distintas: desde institutos urbanos como o IES Agra do Orzán ou o IES Elviña, na cidade da Coruña, ata centros de contornas rurais e costeiras como Muros, Ortigueira, Vimianzo ou Ribeira. Tamén participaron centros de Ferrol, Betanzos, Carballo, Culleredo, Oleiros, Fene, Santiago de Compostela ou Arteixo, onde hoxe tivo lugar a última destas formacións. Unha rede educativa diversa que permitiu levar a formación a practicamente todo o territorio provincial.
O punto de partida do programa non foi a ausencia de contacto coa intelixencia artificial, senón o seu uso estendido entre o alumnado. Unha normalización tecnolóxica que, con todo, non sempre ía acompañada de comprensión.
“A nosa motivación era chegar directamente ao alumnado para capacitalo no uso axeitado da IA xerativa, con especial énfase nos aspectos éticos e legais. O obxectivo cumpriuse plenamente”, explica o investigador do CITIC Francisco Bellas. A valoración xeral do equipo é que o programa logrou ese cambio: pasar do uso automático de ferramentas de IA a unha aproximación máis crítica e fundamentada.
Unha das aprendizaxes máis relevantes foi comprobar na aula que a intelixencia artificial non é infalible. Os modelos xeran respostas coherentes e plausibles, pero non sempre correctas. Poden cometer erros, omitir información ou reproducir nesgos.
Ese descubrimento tivo un efecto inmediato na percepción do alumnado: a IA deixa de ser unha fonte de autoridade para converterse nunha ferramenta que require contraste e supervisión. O pensamento crítico refórzase como competencia clave, non só para formular mellores preguntas, senón para interpretar mellor as respostas.
Ética dixital, privacidade e autoría
Máis alá do funcionamento técnico, o programa puxo o foco nun ámbito onde se detecta un maior descoñecemento: a ética dixital. Protección de datos, autoría de contidos e uso responsable da información foron os aspectos máis novidosos para o alumnado. Así o explica a investigadora María Suárez, quen participou en sesións no IES As Insuas de Muros.
A conexión con experiencias próximas, como o uso de redes sociais ou a pegada dixital, permitiu aterrar estes conceptos na vida cotiá do alumnado.
Desde o profesorado destácase que a intelixencia artificial xa forma parte das dinámicas de estudo de moitos estudantes, mesmo antes de calquera formación específica. O programa da Deputación co CITIC serviu para facer visible ese uso e dotalo de contexto. Nese sentido, a iniciativa non introduce unha tecnoloxía nova na aula, senón que reorganiza un escenario xa existente, achegando criterios para o seu uso responsable.
Nesta mesma liña, outro dos investigadores do CITIC que participou no programa, Alejandro Romero, subliña que a formación non só tivo un impacto técnico, senón tamén formativo en termos de cidadanía dixital. O programa permitiu que o alumnado “pase dun uso intuitivo da intelixencia artificial a un uso consciente, crítico e responsable”, especialmente en cuestións relacionadas coa privacidade, a autoría e a veracidade da información, explica.
Este enfoque conecta directamente coas recomendacións de organismos internacionais como a UNESCO e a Comisión Europea, que insisten na necesidade de integrar a alfabetización en intelixencia artificial desde unha perspectiva ética, crítica e centrada nas persoas. Ambas institucións destacan que non abonda con saber utilizar estas ferramentas, senón que é imprescindible comprender as súas implicacións sociais, os seus límites e os riscos asociados, promovendo así unha cidadanía dixital informada e responsable.
Igualdade de acceso e formación en todo o territorio
Desde a Deputación da Coruña, a deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, subliña que o programa nace dunha necesidade clara detectada no alumnado: “moitos mozos xa utilizan intelixencia artificial no seu día a día, pero non sempre contan coa formación necesaria para entender como funciona nin para facer un uso crítico e responsable”.
Nese sentido, destaca que o obxectivo foi “achegar unha formación rigorosa, práctica e ética sobre intelixencia artificial xerativa, garantindo que todos os estudantes, independentemente do seu centro ou da súa contorna, teñan as mesmas oportunidades de aprendizaxe”.
Neira insiste en que o programa responde tamén a un principio de equidade territorial: “Non queremos que o acceso a este tipo de coñecemento dependa do lugar onde se estuda ou dos recursos do centro educativo”.
Sobre o impacto da iniciativa, a deputada sinala que a valoración é “moi positiva”, xa que o alumnado “non só coñeceu ferramentas de IA, senón que desenvolveu unha mirada máis crítica sobre o seu uso, especialmente no que ten que ver coa privacidade, a verificación da información e a autoría dos contidos”.
De cara ao futuro, a Deputación considera clave dar continuidade ao programa. “A intelixencia artificial vai seguir evolucionando e o sistema educativo precisa acompañamento constante. O noso compromiso é seguir impulsando unha formación que axude ao alumnado a usar estas ferramentas con criterio, responsabilidade e pensamento crítico”, conclúe Neira.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).