CITIC

Francisco Bellas participa nun obradoiro da UNESCO para impulsar a formación do profesorado en Intelixencia Artificial

08/07/2026 - CITIC
  • O investigador do CITIC da Universidade da Coruña participa no deseño dun programa internacional para favorecer unha integración ética e eficaz da IA na educación.

O profesor e investigador do CITIC da UDC Francisco Bellas, membro do Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña, participou a pasada semana nun obradoiro internacional organizado pola UNESCO en París no marco do proxecto FutureProof Education, desenvolvido en colaboración coa Comisión Europea. O encontro reuniu expertos e expertas internacionais co obxectivo de avanzar no deseño dun programa común de Desenvolvemento Profesional Continuo sobre Intelixencia Artificial dirixido ao profesorado.

Durante dúas xornadas de traballo colaborativo, unha trintena de docentes, persoal investigador e responsables educativos analizaron os principais retos que formula a incorporación da Intelixencia Artificial ao ensino e traballaron na definición dun marco práctico, flexible e adaptable que sirva de apoio ás estratexias nacionais para a súa integración nos sistemas educativos. O programa sentará as bases dos futuros recursos e ferramentas que a UNESCO porá á disposición do profesorado e dos centros educativos para promover un uso responsable, crítico e eficaz destas tecnoloxías nas aulas.

As conclusións do obradoiro subliñan a importancia de preservar a autonomía do profesorado para decidir cando e como utilizar a Intelixencia Artificial en función dos obxectivos educativos, así como de crear contornos seguros que favorezan a experimentación e o desenvolvemento de novas competencias. As persoas participantes coincidiron, ademais, en que a pedagoxía debe seguir guiando calquera proceso de innovación tecnolóxica e destacaron o valor das comunidades profesionais de aprendizaxe como espazos de confianza, colaboración e intercambio de experiencias que impulsan o desenvolvemento profesional docente.

Francisco Bellas é profesor da Universidade da Coruña no ámbito da Robótica Autónoma e da Aprendizaxe Automática Aplicada. Desenvolve a súa actividade investigadora no CITIC e no Grupo Integrado de Enxeñaría, dentro da área de Robótica Cognitiva. Así mesmo, mantén unha intensa actividade como formador e asesor do profesorado en Intelixencia Artificial aplicada á educación, colaborando en iniciativas dirixidas a facilitar unha incorporación crítica e responsable destas ferramentas no ámbito educativo.

A súa participación neste foro internacional reforza a presenza da Universidade da Coruña nos principais espazos de reflexión sobre o futuro da educación e pon de manifesto o compromiso do Grupo Integrado de Enxeñaría co desenvolvemento dunha Intelixencia Artificial ética, responsable e ao servizo da innovación educativa. Esta contribución sitúa a UDC entre as institucións que participan activamente no deseño de estratexias internacionais para afrontar un dos grandes retos da educación do presente e do futuro.