Investigadores do CITIC da UDC destacan en IWINAC 2026 con tres traballos en robótica e intelixencia artificial
Os investigadores Richard J. Duro, Francisco Bellas, Alejandro Romero e Jaime Pérez Moro participaron na 11th International Conference on the Interplay Between Natural and Artificial Computation (IWINAC 2026), celebrada entre o 26 e o 29 de maio en Fuerteventura. O congreso, organizado pola Universidade Politécnica de Cartagena, a Universidade de Granada e a Universidade Politécnica de Valencia, constitúe unha referencia internacional nos ámbitos da intelixencia artificial, a computación bioinspirada e a robótica.
Durante a súa participación no encontro, os investigadores do CITIC presentaron tres traballos científicos, publicados por Springer Nature no volume Bioinspired Intelligent Systems: From Robotics and Computer Vision to Trustworthy Applications.
O primeiro traballo, “A Motivational Approach Towards Resilient Industrial Robots” (Jakub Müller, Alejandro Romero, Tomáš Broum e Richard J. Duro), propón un enfoque inspirado en mecanismos motivacionais biolóxicos para mellorar a resiliencia dos robots industriais. A investigación explora como dotar os sistemas robóticos de capacidades de adaptación autónoma ante fallos ou cambios inesperados na contorna, permitíndolles reorganizar o seu comportamento para manter a operatividade en condicións adversas.
O segundo traballo, “Integrating Large Language Models for Explainable Human-Machine Teaming in Autonomous Vehicles” (Jaime Pérez Moro, Alejandro Romero e Francisco Bellas), estuda a integración de modelos de linguaxe de gran escala en sistemas autónomos co obxectivo de mellorar a explicabilidade das súas decisións. O traballo propón empregar asistentes de intelixencia artificial capaces de analizar información e xerar explicacións comprensibles para as persoas. O seu obxectivo é traducir o razoamento interno dos sistemas de condución autónoma a unha linguaxe clara e accesible, favorecendo a confianza, a transparencia e unha mellor colaboración entre usuarios e vehículos en contornas de mobilidade intelixente.
O terceiro traballo, “Heterogeneous Multi-Robot Team Hybrid Coordination Architecture for Missions in Dynamic Maritime Environments” (Richard J. Duro, Enrique Fernández-Pérez, Julián Rodríguez-Cortegoso e Félix Orjales), aborda unha arquitectura híbrida de coordinación para equipos de robots heteroxéneos que operan en contornas marítimas dinámicas. A proposta permite integrar diferentes tipos de robots con capacidades complementarias, mellorando a eficiencia e a robustez en misións de vixilancia, exploración ou monitorización en escenarios complexos e cambiantes.
Ademais da presentación destes traballos, Richard J. Duro e Francisco Bellas formaron parte do Comité Científico Internacional do congreso, contribuíndo á avaliación das achegas científicas presentadas. Así mesmo, ambos os investigadores exerceron como Chair e Co-Chair das sesións de robótica do congreso (ROBOTICS-I e ROBOTICS-II), nas que se expuxeron os traballos do grupo xunto con outras contribucións internacionais da área.
A participación en IWINAC 2026 reforza a proxección internacional do grupo e consolida a súa actividade en ámbitos estratéxicos como a robótica autónoma, os sistemas multirrobot, a intelixencia artificial explicable e a interacción avanzada entre persoas e máquinas.