O CITIC da UDC impulsa xunto ao MIT e INDITEX un proxecto para transformar residuos da industria cervexeira en novos materiais téxtiles sostibles
- A iniciativa, financiada por INDITEX a través do MIT-Spain Inditex Circularity Seed Fund, conta coa colaboración de Cosecha de Galicia, empresa que forma parte da Corporación Hijos de Rivera, para impulsar solucións circulares e innovadoras para a industria téxtil.
A Coruña, 30 de xullo de 2026.- O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña forma parte dun novo proxecto internacional de investigación financiado financiado por Inditex a través do MIT-Spain Inditex Circularity Seed Fund, un programa promovido pola compañía en colaboración co Massachusetts Institute of Technology (MIT), no marco de MIT Global Seed Funds (MISTI). Desde 2017, esta iniciativa impulsa proxectos conxuntos de investigación entre o MIT e universidades e institucións de investigación españolas para acelerar o desenvolvemento de solucións innovadoras en economía circular e sustentabilidade aplicadas ao sector téxtil.
Baixo o título “Circular Innovation: Hop-Derived Fibers and Eco-Dyes for Sustainable Téxtiles/Téxtís”, o proxecto explorará novas vías para valorizar os residuos xerados pola industria cervexeira mediante o desenvolvemento de materiais téxtiles sostibles a partir de follas e talos de lúpulo, contribuíndo así a avanzar nos principios da economía circular e a descarbonización do sector téxtil.
O equipo investigador do CITIC está formado por Salvador Naya, Javier Tarrío Saavedra e Erika Francesch Domenech, mentres que por parte do MIT participa o investigador Emery Brown, que ven de ser investido honoris causa pola Universidade da Coruña. Os investigadores mantiveron o pasado xoves 23 de xullo unha reunión de traballo no CITIC para programar as primeiras fases da investigación, centradas en analizar o potencial do lúpulo como materia prima para o sector téxtil, tanto no posible uso das súas fibras como na obtención de tinguiduras naturais derivados dos seus compostos.
Erika Francesch realizará ademais unha estancia de investigación no MIT, onde desenvolverá parte do traballo experimental da súa tese doutoral.
Dar unha segunda vida aos residuos do lúpulo
Cada ano, o cultivo e procesamento do lúpulo para a elaboración de cervexa xera unha importante cantidade de restos vexetais que, na súa maioría, carecen de aproveitamento. O obxectivo do proxecto é determinar si estes subprodutos poden converterse en materias primas de alto valor engadido para a fabricación de fibras téxtiles ou tinguiduras naturais.
O equipo investigador identificará os compostos con potencial para aplicacións téxtiles, desenvolverá prototipos experimentais e avaliará o seu comportamento e o seu impacto ambiental fronte a materiais convencionais, co fin de analizar a súa viabilidade técnica e industrial.
Unha colaboración entre universidade, industria e investigación
O proxecto reúne capacidades complementarias do ámbito académico e empresarial. O MIT achegará a súa experiencia en materiais avanzados e análise estatística, mentres que Cosecha de Galicia, empresa que forma parte da Corporación Hijos de Rivera, facilitará o acceso á materia prima e colaborará na validación dos desenvolvementos. Inditex, que fai posible o financiamento da iniciativa a través do programa MIT-Spain Inditex Circularity Seed Fund, participará ademais na avaliación industrial dos novos materiais para analizar o seu potencial de aplicación no sector téxtil.
Ciencia para unha economía circular
A iniciativa aspira a xerar coñecemento interdisciplinar en ámbitos como os biomateriais, a estatística aplicada e os materiais sostibles, á vez que promove novas estratexias de valorización de residuos agrícolas. Desde o punto de vista ambiental, o proxecto contribuirá a reducir o desperdicio de recursos e a impulsar modelos de produción máis sostibles, xerando ademais novas oportunidades económicas para o medio rural.
Sobre o CITIC
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) é un centro de investigación da Universidade da Coruña creado en 2008 para impulsar o avance e a excelencia na I+D+i aplicada ás tecnoloxías da información e as comunicacións.
A súa actividade científica estrutúrase en catro grandes áreas de investigación: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha liña transversal dedicada á Ciberseguridad.