CITIC

O CITIC reúne o talento universitario galego nunha nova edición da súa competición de ciberseguridade

21/10/2026 - CITIC
  • A C3TF celebrarase o 29 de outubro na Coruña e en Vigo con actividades formativas, retos informáticos e premios de ata 1.200 euros. 
  • As inscricións estarán abertas ata o 23 de outubro. 

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña organiza, en colaboración co centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo, unha nova edición da CITIC Cyber Competition (C3TF). Unha xornada dedicada á formación e á competición en ciberseguridade que terá lugar o vindeiro xoves 29 de outubro na Coruña e en Vigo. 

A iniciativa busca fomentar o interese pola seguridade informática e promover o desenvolvemento de habilidades prácticas neste ámbito entre estudantes de distintas disciplinas. Para iso, o programa combinará actividades formativas, intercambio de experiencias profesionais e unha competición na que as persoas participantes deberán resolver desafíos técnicos relacionados coa ciberseguridade. 

A xornada desenvolverase en dous bloques: unha mañá dedicada á formación e á divulgación, e unha tarde centrada na competición. A proposta está concibida como unha oportunidade para aprender, poñer a proba coñecementos e compartir experiencias nun ámbito cada vez máis relevante para a protección de sistemas, datos e servizos dixitais. 

Inscricións abertas ata o 23 de outubro 

A CITIC Cyber Competition está dirixida a estudantes de calquera disciplina que estean a cursar os seus estudos durante o curso 2026/2027 ou que os cursasen durante o ano académico anterior, 2025/2026. 

Para participar na competición é necesario dispoñer dun ordenador persoal con conexión a internet e formar parte dun equipo de entre unha e tres persoas. A convocatoria está aberta a estudantes con diferentes perfís académicos que teñan interese na ciberseguridade e queiran poñer a proba as súas habilidades. 

As inscricións permanecerán abertas ata este venres, 23 de outubro, e realizaranse mediante un formulario individual. Aínda que a competición se desenvolve por equipos, cada integrante deberá completar o seu propio formulario e indicar o mesmo nome de equipo que os seus compañeiros e compañeiras. 

Tamén é posible inscribirse unicamente nas actividades formativas da mañá ou participar só na competición da tarde, aínda que a organización recomenda asistir ao programa completo. 

Toda a información sobre o evento, o programa e as inscricións está dispoñible na web oficial: https://c3tf.io. 

Formación especializada e experiencias profesionais 

O programa comezará ás 10:00 horas co obradoiro “Introdución á análise forense de dispositivos IoT”, impartido por Rafael López García, David Diz Nieves e Pablo Rodríguez Cascón. A sesión permitirá achegarse á análise forense aplicada a dispositivos da Internet das Cousas. 

Ás 12:00 horas terá lugar un relatorio e ás 13:00 horas celebrarase a mesa redonda “Experiencia profesional dos egresados de MUniCS”, na que antigo alumnado do Máster Universitario en Ciberseguridade compartirá as súas experiencias e traxectorias profesionais. 

A mañá concluirá cun espazo de encontro e networking que permitirá ás persoas asistentes intercambiar impresións e establecer contactos. 

Retos informáticos para poñer a proba as habilidades en ciberseguridade 

A tarde estará dedicada á competición C3TF, que se celebrará de 15:30 a 20:30 horas en dúas sedes universitarias: o CITIC da UDC e atlanTTic da Universidade de Vigo. 

A proba seguirá o formato Capture The Flag (CTF), unha modalidade de competición na que as persoas participantes deben resolver retos relacionados coa seguridade informática. Os equipos, formados por entre unha e tres persoas, terán que demostrar os seus coñecementos e a súa capacidade para afrontar distintos desafíos técnicos. 

A competición aposta pola aprendizaxe práctica, a resolución de problemas e a demostración de habilidades nun contorno participativo. Como parte das súas normas, a organización prohibe o uso de chatbots e axentes de intelixencia artificial durante a proba e esixe un comportamento ético por parte de todas as persoas participantes. 

Os tres equipos mellor clasificados recibirán premios económicos de 1.200, 900 e 600 euros, respectivamente, financiados pola Cátedra R en Ciberseguridade. Ademais, todas as persoas participantes recibirán obsequios do encontro. 

Colaboración entre o CITIC e atlanTTic 

A iniciativa está organizada por persoal investigador do CITIC da Universidade da Coruña, en colaboración con persoal investigador de atlanTTic da Universidade de Vigo, reforzando a cooperación entre ambos os dous centros universitarios no ámbito da formación e da divulgación da ciberseguridade. 

O comité organizador está integrado por Manuel Caeiro Rodríguez e Ana Fernández Vilas, da UVigo, e Carlos Dafonte, Francisco J. Novoa e Jose Vázquez Naya, da UDC. 

Os retos da competición foron desenvolvidos polo equipo formado por Martiño Rivera Dourado, Rubén Pérez Jove e David Soler García, vinculados ao Máster Universitario en Ciberseguridade (MUniCS) da Universidade da Coruña, e por Pablo Pío Rejo Iglesias, do Máster en Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo.