Os resultados do proxecto europeo Design2Freedom preséntanse a nivel internacional con eventos na Coruña
O proxecto europeo Erasmus+ Design2Freedom, centrado en promover a inclusión a través do deseño accesible e a innovación educativa, presentou os seus resultados finais nunha serie de encontros internacionais celebrados nos últimos meses. A Universidade da Coruña (UDC) acolleu dous destes eventos clave os pasados 26 de marzo e 28 de abril, nos que se deron a coñecer os principais logros desta iniciativa que está a piques de concluír.
Os denominados Multiplier Events desenvolvéronse de forma simultánea nas distintas entidades socias europeas co obxectivo de compartir os resultados do proxecto e ampliar o seu impacto. En total, espérase acadar a participación de arredor de 500 persoas entre profesionais, estudantes e representantes do ámbito social e educativo.
O consorcio de Design2Freedom está integrado pola Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), Vilniaus Kolegija (Lituania), Creative District (Bélxica), Technicka Univerzita v Kosiciach (Eslovaquia) e a Universidade da Coruña. Durante dous anos e medio de traballo conxunto, desenvolveron ferramentas prácticas orientadas a fomentar a inclusión no ámbito universitario.
Nos encontros celebrados na UDC, a investigadora do CITIC Betania Groba González foi a encargada de presentar os resultados, destacando os principais fitos do proxecto. Entre eles, a creación dun curso en liña gratuíto (MOOC) de 15 horas, un mapa internacional de experiencias inclusivas, un kit educativo de ferramentas dixitais e unha guía de boas prácticas para integrar o deseño centrado na persoa nos plans de estudo universitarios. Todos estes recursos están dispoñibles en varios idiomas para facilitar o seu acceso.
As xornadas contaron tamén con representación institucional e do tecido asociativo local. Participaron a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña, Nereida Canosa, así como entidades colaboradoras como a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE Coruña). Ademais, interviñeron activistas pola educación inclusiva como Carmen Saavedra e Antón Fontao.
O proxecto Design2Freedom pon o foco no deseño centrado na persoa como ferramenta clave para avanzar cara a unha educación máis inclusiva. A través de metodoloxías participativas, impulsa a colaboración entre estudantes, profesionais e persoas con discapacidade para desenvolver solucións que respondan a necesidades reais.
Entre as iniciativas máis destacadas atópase o hackaton europeo Inclusive Design Lab, celebrado en decembro de 2024 no CITIC, onde equipos multidisciplinares traballaron durante tres días no desenvolvemento de propostas innovadoras para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade.
Así mesmo, o proxecto levou a cabo o piloto académico Design4Occupationm, entre febreiro e maio de 2025, no que estudantes de Terapia Ocupacional colaboraron directamente con persoas con discapacidade, usuarios de COGAMI e ASPACE, para co-deseñar produtos tecnolóxicos orientados a mellorar a súa autonomía.
Coa difusión destes resultados, Design2Freedom busca consolidar un modelo educativo máis inclusivo, baseado na participación activa e o deseño accesible, que poida ser replicado en universidades de toda Europa.