Ciclo de webinars para a presentación de resultados do proxecto HiPERFORM

O proxecto HiPERFORM, no que participan os investigadores do CITIC Valentín Barral, José A. García Naya, Luis Castedo, Carlos J. Escudero e Javier Rodas González, finalizará o próximo mes de outubro. Para a presentación pública de resultados, o equipo de traballo organizou un ciclo de webinars para achegar os aspectos máis destacados do proxecto, iniciado en maio de 2018.

Cristian R. Munteanu e Alejandro Pazos colaboran no desenvolvemento dunha app con IA para a detección de pólipos de colon

Os investigadores do CITIC Cristian R. Munteanu e Alejandro Pazos desenvolveron unha aplicación móbil con Intelixencia Artificial para a detección de pólipos de colon en imaxes de colonoscopia, en colaboración cun grupo internacional de programadores XLandC e a Rede Galega de Investigación sobre Cancro Colorrectal (REGICC). O equipo creou Polyp detector, unha aplicación gratuíta descargable desde Google Play.

Thais Pousada imparte charlas divulgativas sobre diversidade funcional en centros educativos

A investigadora do CITIC Thais Pousada ofreceu diferentes charlas en centros educativos para expoñer as necesidades ás que se ven sometidas as persoas con diversidade funcional na súa vida diaria, presentando os produtos tecnolóxicos que axudan a mellorar a súa calidade de vida e centrándose no potencial que teñen as impresoras 3D nesta área.

O delegado da Xunta destaca o éxito do CITIC da UDC no ámbito da Intelixencia Artificial

Esta mañá, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou as instalacións do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, primeiro centro singular do Sistema Universitario Galego e o maior en Intelixencia Artificial de Galicia, para coñecer algúns dos proxectos de investigación punteiros nos que se está a traballar dende o centro. O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya, o director e o subdirector do CITIC, Manuel F. González Penedo e Javier Pereira, respectivamente, mostraron ao delegado da Xunta diferentes proxectos destacados no ámbito da Intelixencia Artificial, área na que o CITIC é referente na comunidade galega.

Finaliza o proxecto AOAIRE para o desenvolvemento dun sistema de cubicaxe de madeira mediante visión artificial

Un equipo de investigadores do CITIC finalizou o proxecto AOAIRE -Desenvolvemento de tecnoloxía para o secado de produtos forestais-. O equipo estivo liderado polos investigadores do CITIC Marcos Gestal e Julián Dorado, xunto con Alejandro Pazos, Nieves Pedreira e Cristian R. Munteanu. O proxecto, financiado polo programa Conecta Peme, consiste en mellorar o rendemento dos sistemas de secado, probar novas tecnoloxías de secado e reducir o custo relacionado coas operacións de secado nos serradoiros de Galicia. A tarefa do equipo investigador centrouse en facilitar a cubicaxe da madeira nas operacións posteriores ao secado.

Verónica Bolón participa nunha charla con motivo do Día das Nenas nas TIC

A investigadora do CITIC Verónica Bolón participou na multiconferencia web organizada por ICT-Go-Girls, iniciativa promovida polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Con motivo do Día Internacional das Nenas nas TIC, varias investigadoras explicaron neste encontro con escolares o que a tecnoloxía pode aportar en diferentes campos para mellorar a vida de todos.

Alejandro Pazos participa no debate “Big Data e Intelixencia Artificial: Son os meus datos o novo petróleo?”

O investigador do CITIC Alejandro Pazos participará o próximo 28 de abril no debate “Big Data e Intelixencia Artificial: Son os meus datos o novo petróleo?”, organizado polo Centro de Visión por Computador (CVC) e a Fundación “la Caixa”. O obxectivo é dar a coñecer as amplas oportunidades e os retos que supón incorporar a Intelixencia Artificial á análise de datos de alta calidade.

O CITIC e o Consello Social da UDC lanzan o programa “Das TIC ao ceo” para impulsar vocacións tecnolóxicas entre estudantes

O CITIC e o Consello Social da UDC poñen en marcha o ciclo “Das TIC ao ceo”, un programa de conferencias que ten o obxectivo de fomentar vocacións científico-tecnolóxicas entre estudantes de secundaria e bacharelato. Así, diferentes profesionais de recoñecido prestixio dentro do sector achegarán a súa experiencia no desenvolvemento da súa carreira profesional aos mozos. Desta forma, visibilízanse casos de éxito para servir como referente e fomentar o interese de cara ás disciplinas STEAM.

A UDC instala medidores de CO2 nas súas dependencias, nun proxecto coordinado polo investigador Carlos Escudero

A Universidade da Coruña é unha das primeiras universidades españolas en instalar medidores de CO2 nas súas dependencias, garantindo así espazos de traballo seguros. Este proxecto de investigación de Intelixencia Artificial está coordinado polo investigador do CITIC Carlos Escudero, que é ademais adxunto do reitor para Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.

O CITIC participa na defensa de proxectos STEMbach 2020/2021

Un equipo de investigadores e investigadoras do CITIC participou na defensa de proxectos no programa STEMbach do curso 2020/2021. O subdirector Javier Pereira e a investigadora Thais Pousada titorizaron diferentes proxectos de estudantes de bacharelato dos institutos Miraflores e María Casares de Oleiros e o instituto Sofía Casanova de Ferrol. As estudantes xa presentaron con éxito os seus proxectos, enfocados no ámbito da tecnoloxía para persoas con diversidade funcional.