O grupo LBD, dirixido pola investigadora do CITIC Nieves R. Brisaboa, recibe un Premio Spin-off PuntoGal

O grupo de investigación LBD (Laboratorio de Bases de Datos) da Universidade da Coruña, dirixido pola investigadora e membro do Comité de Dirección do CITIC Nieves R. Brisaboa, acaba de recibir o Premio Spin-Off PuntoGal na categoría dedicada a Grupos de Investigación. Estes premios, organizados polo Dominio PuntoGal e o portal GCiencia, teñen o obxectivo de distinguir ás empresas e grupos de investigación galegos máis innovadores.

Minia Manteiga participa no XXIV Congreso Estatal de Astronomía

A investigadora do CITIC Minia Manteiga participou no XXIV Congreso Estatal de Astronomía (CEA), que se celebrou no Reitorado da Universidade da Coruña do 9 ao 12 de outubro. En concreto, Manteiga formou parte do comité científico do congreso e impartiu a conferencia “Gaia: unha nova visión da Vía Láctea en seis (ou máis) dimensións”, xunto coas investigadoras Ana Ulla, da Universidade de Vigo, e Ruth Carballo, da Universidade de Cantabria.

O CITIC organiza xunto con FEUGA unha serie de workshops para a preparación de candidaturas para ERC

O CITIC organiza xunto con FEUGA o programa “Prepara a túa candidatura para ERC”, co obxectivo de asesorar ao persoal investigador na presentación de convocatorias do European Research Council (ERC). O pasado mércores 6 de outubro deu comezo a serie de workshops “Casos de éxito e experiencias de beneficiarios de ERC”.